Silleda busca beneficios ambientais, económicos e sociais na autocompostaxe e na recollida de aceite doméstico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

No seu afán de mellorar a xestión e o tratamento dos residuos urbanos, o concello  de Silleda (Pontevedra) adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, instaurado xa en máis de cen localidades, pretendendo con isto alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

 O programa atópase en proceso de implantación, prevendo a distribución de medio centenar de composteiros entre outras tantas vivendas.

 A dotación de composteiros, recipientes de 340 litros de capacidade fabricados con materiais reciclados e reciclables, resulta esencial, xa que permite aos usuarios levar a cabo o proceso de fermentación do residuo orgánico e controlar parámetros tales como a humidade e a temperatura, con gran influencia sobre a calidade do abono resultante, cumprindo este, polo xeral, con todos os requisitos contemplados pola normativa vixente na materia.

 MODUS OPERANDI

O programa  de compostaxe dou comezo coa convocatoria dos fogares previamente inscritos, que en todo caso deben dispoñer de horta, xardín e/ou terras de cultivo nos que utilizar o compost resultante, pechando o ciclo de aproveitamento e reciclaxe en orixe da fracción orgánica do lixo.

 Para levar a cabo o seu labor, as 39  familias adscritas,   ao proxecto recibiron un curso específico de formación a cargo de técnicos ao servizo de Sogama, os cales explicaron as pautas a seguir: desde a ubicación física do composteiro, ata os materiais a depositar no mesmo e  a aplicación do abono obtido, pasando polo control periódico do proceso. O curso complementouse coa entrega de material didáctico e de apoio no que se da conta dos pasos a seguir, preguntas frecuentes, erros máis comúns e forma de solventalos.

 Concluída a primeira fase, serán representantes do concello os encargados de visitar casa por casa para comprobar o traballo desenvolvido polos veciños, supervisar a técnica, corrixir deficiencias e resolver posibles dúbidas. Para levar a cabo esta tarefa contarán co apoio e asesoramento de Sogama.

TODO VANTAXES

As vantaxes aportadas pola autocompostaxe son múltiples.

 Desde a dimensión ambiental, cabería sinalar a posibilidade de prescindir dos fertilizantes artificiais, cunha alta presenza de axentes químicos, sendo orixe dun negativo impacto ambiental. Ademais, e dado que na composición media do lixo, en torno ao 40 por cento está conformado por materia orgánica, se se recupera esta porcentaxe no propio fogar, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, permitindo ao concello diminuír a frecuencia de recollida e transporte e, xa que logo, as emisións de CO2.

 Desde a perspectiva económica, dicir que, ao entregar menos residuos a Sogama, diminúe en igual proporción o importe da factura a pagar a esta empresa pública. Ademais, constatouse que a clasificación dos restos orgánicos permite mellorar a recollida selectiva no seu conxunto, o que dará pé a que o concello  reciba ingresos por parte dos sistemas integrados de xestión.

 E desde o punto de vista social, cabería sinalar unha disminución dos desprazamentos da poboación aos contedores, polo xeral distanciados das vivendas do rural debido á alta dispersión.

ENTREGA DE EMBUDES PARA A RECUPERACIÓN DE ACEITE DOMÉSTICO

Froito de xestións realizadas polo Dpto de Medio Ambiente do Concello de Silleda, nestes momentos hai  ubicados nos dous núcleos  de Silleda e A Bandeira, 8 contedores para a recollida de Aceite usado de cociña e conservas.

Esta medida promovida dende o Concello pretende impedir que o aceite doméstico acabe danando o medio ambiente, entendendo que un litro de aceite usado destas características contamina 1.000 litros de auga e pola contra ese mismo litro, debidamente tratado pódese reconvertir nun litro de biodiésel ( carburante semellante ao gasóleo, rapidamente biodegradable e non tóxico).

Os colectores, 5 en Silleda e 3 na Bandeira, están distribuídos ao longo das rúas procurando facilitar a tarea aos usuarios que  reciclan estes residuos.

Nese mesmo ánimo de contribuir á recollida, o Concello pón a disposición dos veciños e de forma gratuíta,  embudes multiusos para facilitar o envasado dos líquidos. Estes poderanse recoller na Casa da Cultura de Silleda e no Centro Cultural Vista Alegre de A Bandeira.

 O actual concelleiro da área de Medio Ambiente, Klaus Brey, é o encargado de dirixir e coordinar estas iniciativas, cuxo obxecto non é outro que transformar en compost a materia orgánica xerada nos fogares dunha forma, hixiénica, e cómoda e reciclar  o aceite doméstico para un uso eficaz e menos contaminante. 

17 de xullo de 2015 | 10:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.