Seis nadadores de Amicos representarán a Riveira en Matosinhos nos Xogos do Eixo Atlántico
Un total de seis nadadores pertencentes á Asociación Amicos van representar ao noso municipio na celebración dos XI Xogos do Eixo Atlántico: un encontro que reúne a deportistas de Galicia e a zona norte de Portugal que se vai disputar entre o 5 e o 10 de xullo en tres localidades do país luso: Oporto, Vilanova de Gaia e Matosinhos.
A expedición riveirense estará neste último lugar participando na proba de natación adaptada. Serán catro mulleres (Patricia Melón Hernández, Rosa España Vidal, María Formoso Filgueira e Manuela Crujeiras Patiño) e dous homes (Javier Freijo Rodríguez e Francisco Rodríguez Noya).
Unha representación da delegación de Amicos encabezada por María Perez, responsable de ocio da asociación, foi recibida hoxe no Consistorio pola edil Aroa Fernández, quen lles desexou moita sorte e salientou a idoneidade da práctica deportiva para a integración das persoas con diversidade funcional.











