Reunión para programar o operativo das Festas de Verán de Silleda

Reunión para programar o operativo
O Concello de Silleda acolleu hoxe a celebración da reunión preparativa do operativo con motivo das Festas de Verán que arrancarán este xoves. No encontro, presidido polo alcalde, Manuel Cuiña, estiveron presentes os concelleiros de Obras e Servizos, Klaus Brey e de Cultura, Luis Rodríguez, o inspector da Policía Local, a técnico de Cultura e membros da Comisión de Festas e da Asociación Cultural O Lacón.
Neste encontro abordáronse cuestións como o corte das rúas, a montaxe e desmontaxe de escenarios, limpeza de rúas e outras necesidades loxísticas para a correcta celebración dos festexos da capital municipal.
Sobre o corte das rúas, nos vindeiros días informarase aos veciños e usuarios mediante bandos informativos sobre os horarios e datas de peche das mesmas.
No caso da rúa Pintor Colmeiro, o tramo permanecerá pechado dende xoves pola mañá ata o luns de madrugada, xa que será aquí onde se celebren os concertos e verbenas durante os días de festa.
Así mesmo, os cortes afectarán ás rúas Progreso, Antón Alonso Ríos, Rúa Pontevedra, Rúa I (xunto á cancha de golf), Rúa Cartaxena, Avenida do Parque e Emilio Alonso Paz (esta quedaría cun único sentido de circulación).
“Dende o Concello, como vén sendo habitual, deseñamos un operativo de actuación que inclúe diversos servizos. Así, ademais da Policía Local participarán traballadores municipais que colaborarán estreitamente coa Comisión de Festas para a montaxe de plataformas, loxística, limpeza viaria….”.
Despois da celebración dos torneos de tenis e pádel esta fin de semana, o programa festivo continúa o xoves coa xornada acicada á Xuventude. Na praza da Igrexa, a partir das 18.00 horas arrancará o Maratón Fotográfico e o Festival Poético, que se prolongará durante tres días.
Pola noite celebrase na rúa Pintor Colmeiro o concerto cos grupos Yeni e Nico; Plan Siberia; Kona ke te fixo; e Barrio Rojo.
O chupinazo dende a Casa da Cultura terá lugar o venres ás 13.00 horas dende a Casa da Cultura, nunha xornada adicada á gastronomía, co lacón como protagonista.











