Quince persoas con diversidade funcional participan nun programa de voluntariado ambiental na Illa de Sálvora
As directoras xerais de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, participaron hoxe na Illa de Sálvora nunha xornada de voluntariado ambiental xunto con 15 membros de Amicos, unha asociación de persoas con discapacidade psíquica. Esta iniciativa forma parte do programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas 2015.
Neste programa poden participar ata o mes de setembro arredor de 250 voluntarios e voluntarias maiores de 16 anos, aínda que os menores de idade só poderán tomar parte coa autorización dos pais. Os participantes executarán 2.000 xornadas de acción voluntaria nas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.
O programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas permite canalizar, a través do voluntariado, a participación activa da sociedade no coidado e na conservación deste refuxio da biodiversidade, ao tempo que permite aos voluntarios gozar do parque e dos seus valores, así como axudar nas tarefas de recuperación dos ecosistemas dos arquipélagos das Illas Atlánticas.
Os voluntarios e voluntarias teñen cuberta a manutención, o aloxamento, o material necesario para a actividade e contan cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil e, ademais, ao finalizar a actividade obterán un certificado acreditativo da acción voluntaria que realicen, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
Este programa de voluntariado ambiental conta nesta edición con catro accións diferentes. No mes de maio, a illa de Ons contou con grupos de 6 persoas voluntarias en quendas de 5 días, de luns a venres. En xullo e agosto, as illas de Sálvora e Cortegada teñen grupos de 8 voluntarios en xornadas diarias, sen pernoctar. Cada martes sairán do porto de Carril cara a Cortegada ás 12,00 horas, regresando ás 19,00 horas. E os xoves, a actividade terá lugar en Sálvora, entre as 10,00 e 18,00 horas, con saída desde Aguiño.
As accións que realizarán en Ons, Sálvora e Cortegada centraranse especialmente na colaboración cos técnicos do propio Parque Nacional en tarefas de oceanografía e recursos mariños, fauna, flora e biodiversidade. Entre outros labores, poderán cooperar na erradicación de especies alóctonas, en apoio ás tarefas de guías e información, na adecuación de sinais indicativas, na reforestación con especies autóctonas ou na limpeza de praias e dunas.
Nas illas Cíes desenvólvense dous tipos de accións nos meses de xullo e agosto. Na primeira, o obxectivo principal é dar apoio ás persoas con diversidade funcional que visitan a illa, ofrecéndolles acompañamento tanto nas visitas guiadas a lugares de interese, como nos momentos de ocio. Esta actividade terá lugar en quendas de 7 días, de mércores a mércores, e poden participar tres voluntarios por quenda.
A segunda das accións das Cíes é un campo de traballo que conta con catro quendas de 12 días de duración cada unha. Poderán participar 120 voluntarios de entre 18 e 30 anos de diferentes nacionalidades, xa que é unha actividade de carácter internacional. A actividade a desenvolver será ambiental e consistirá en labores de mantemento da illa, vixilancia de incendios, traballos de información e sensibilización aos visitantes e intervencións puntuais de mellora no parque.
Ademais, as asociacións de diversidade funcional tamén realizan quendas especiais, como a de hoxe en Sálvora.











