O programa televisivo Gastrópodos grávase no recinto da Feira Internacional de Galicia

Gravación de Gastrópodos na FIG
O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acolleu a gravación de parte dun dos programas de Gastrópodos, unha nova proposta da TVG. A Televisión de Galicia estreará proximamente un novo programa de carácter gastronómico, “Gastrópodos, cociña en ruta”, o cal se centra nun duelo entre dous cociñeiros que ten lugar nun autobús londiniense de dúas plantas que percorrerá distintas poboacións galegas.
Os contrincantes son a chef Beatriz Sotelo, do restaurante La Estación (Cambre), o cal conta cunha estrela Michelín, e un cociñeiro local, os cales teñen que elaborar unha receita arredor dun produto da extensa gama que hai en Galicia e relacionado coa localidade na que se encontran. Un xurado avalía os pratos que presenten os dous competidores
A produtora desta nova proposta da Televisión de Galicia gravou onte e hoxe pola mañà na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA e en distintas ubicacións do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA gran parte dun dos programas de “Gastrópodos, cociña en ruta”, o cal está centrado na carne de vacún de Silleda. Nel o cociñeiro local que se enfronta a Beatriz Sotelo é Julio Mato, do restaurante silledense A Culler. Pola súa banda, o xurado está presidido polo crítico gastronómico do programa, Jorge Guitián, e composto por Cristina García, de Piensos Nudesa, e Víctor Carreira, de carnicería Cuíña, ambas empresas de Silleda.
Hoxe están a gravar tamén para este programa en distintas localizacións da vila silledense.











