publicidade hoxe

O Porriño será o punto de inicio da xira do Festival Folclórico Internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello do Porriño, a través da concellería de Cultura dirixida por Raúl Francés, preparou xunto coa asociación organizadora Meiramar Axóuxeres, un festival para todos os veciños no que poder descubrir outras culturas e tradicións, neste caso concreto de Holanda e Portugal

Se o pasado mércores era a quenda dos bailarins uruguayos, o vindeiro martes 21 de xullo ás 22.00 h, serán os grupos Etnográfico da Boa Vista de Funchal, da Illa de Madeira (Portugal) e os Folkloredansers Achterhookse de Ruurlo (Holanda), acompañados do grupo porriñés Os Penediños de Atios

Previo á súa posta en escea, as tres agrupacións desfilarán a partir das 21.00 h dende A Pontenova, pasando por Manuel Rodríguez ata a praza Arquitecto Antonio Palacios; deste xeito mostrarán ó público os seus coidados e espectaculares traxes típicos tradicionais, un vestiario que lucirán durante toda a súa xira galega que se inicia en Porriño e finaliza o 26 de xullo en Redondela tras actuar en Rianxo, Bueu, Moaña e Cuntis.

Raúl Francés apuntaba que “vivimos nun país moi rico en cultura e folclore e estes intercambios son ideais para manter este espírito en alza, xa que nos fan ver a importancia de manter a tradición dos nosos cánticos e danzas populares”.

Eugenio Piñeiro, de Axóuxeres, explicaba que “Porriño é un dos municipios que aprecian moito todo o tradicional e folclórico e sen dúbida con estes dous grupos estranxeiros van gozar, xa que coidan ó máximo os seus traxes e costumes”.

Javier Alonso -”Chisco”-, profesor de baile do grupo Os Penediños de Atios comentaba que “para a nosa asociación é unha grande motivación poder compartir con outras culturas un mesmo escenario” e é que o grupo porriñés realizará unha mostra das súas cantareiras, baile tradicional e gaitas.

 

18 de xullo de 2015 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.