O Festival Centrovisión de Playback acolleu en Torneiros a máis de 2.000 persoas

Un dos espectáculos en Centrovisión
A parroquia porriñesa de Torneiros acollía o pasado sábado, nas instalacións da AAVV San Salvador de Torneiros, a miles de persoas para animar ós seus respectivos grupos de playback no Festival Centrovisión, organizado por esta asociación veciñal e presentado pola súa presidenta, Patricia Pampillón.
Ás 22.30 h daba comezo este espectáculo que reuníu sobre o escenario a uns 300 participantes, repartidos en 7 grupos –“Estrelas do Castelo” de C.C.D. Santa Eulalia e “Noite Meiga” de A.R.C. Guizán, de Mos; A.C. Xunco Parderrubias e C.C. S. Soutelo, de Salceda de Caselas; C.C. San Fins de Rebordáns, de Tui; “Pedramoura” de Os Penediños de Atios e A Forna de Budiño de Porriño- e á súa vez, en tres categorías -A, de 0 a 12 anos; B, de 13 a 25 anos; e C, de 25 anos en diante-.
En total foron 20 actuacións, cada cal co seu propio decorado, que os compoñentes de cada asociación montaban nun tempo récord e dispoñían do necesario para que os seus protagonistas puidesen desenrrolar as suas coreografías con todo luxo de detalle.
A alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre, malia coincidir con outro evento en Porriño, tamén quixo ser partícipe do público deste festival, afirmando que “paseino en grande vendo o talento e o entusiasmo que demostran sobre o escenario todos eles; ademáis é impresionante o traballo e tempo que adican á montaxe destas coreografías, por iso compráceme darlles os meus parabéns e a enhoraboa por todo ese esforzo e polos grandes momentos que nos fixeron sentir”.
O xurado estivo composto pola actriz e presidenta da Federación Galega de Teatro -FEGATEA-, Chelo Pampillón; a profesional de Baile Deportivo, Carmen Vila Abreu; e a titulada en Estética e Maquillaxe, Isabel Machado. As tres tiveron unha labor ben difícil para determinar ós tres clasificados por categoría, na que valoraron a posta en escea, a xestualidade, caracterización, coreografía, coordinación, vestiario e maquillaxe.
A rexidora local tamén se subiu ó escenario para facer entrega dos premios da categoría dos máis pequenos, postos que quedaron do seguinte modo:
1º- C.C.D. Santa Eulalia de Mos
2º- C.C.S. Soutelo
3º- Penediños de Atios
O encargado de entregar os premios á categoría B foi o presidente da Comunidade de Montes e Man Común de Torneiros, Francisco Javier Soliño, que segundo a resolución do xurado foron para:
1º- A.R.C. Guizán
2º- C.C. A Forna de Budiño
3º- C.C.S. Soutelo
Os premios dos grupos que formaban a categoría C, foron entregados polos tres delegados da directiva de playback, correspondentes a:
1º- A.R.C. Guizán
2º- C.C.D. Santa Eulalia de Mos
3º- C.C.S. Soutelo
Dende a directiva da asociación, queren agradecer a todos os asistentes, colaboradores, Concello do Porriño, Comunidade de Montes e Man Común de Torneiros, ós voluntarios de Protección Civil e como non, a todos os pais e nais dos participantes que fixeron posible a boa organización e éxito do evento.











