O Concello de Riveira acorda con Portos unha nova rotonda nas Carolinas para regular o acceso á nova lonxa
O alcalde mantivo esta semana unha reunión co director do ente Portos de Galicia, José Ignacio Villar, para abordar distintos asuntos de interese municipal. Así, Manuel Ruiz acordou co ente autónomo a construción dunha nova rotonda nas Carolinas que regule e axude a mellorar o acceso á zona de descarga da nova lonxa e ao Club Náutico de Riveira.
Así mesmo, manifestoulle o interese en que entre esta glorieta e a xa existente a carón do inicio do paseo de Coroso se efectúe unha remodelación que permita a ampliación do carril bici neste tramo.
Instalación eléctrica
No transcurso desta reunión, José Ignacio Villar deulle conta ao alcalde doutra intervención valorada en 170.000 euros dirixida á mellora da instalación eléctrica da zona portuaria: unha actuación dividida en tres tramos que comeza pola correspondente ao entorno da nova lonxa e o club náutico e proximidades exteriores aos dous edificios emprazados no peirao de Riveira.











