Novo éxito da Festa do Percebe de Aguiño con 2.000 racións servidas

Preparación das racións
A chuvia non foi obstáculo para que cumprindo coa tradición a XIX Festa do Percebe de Aguiño resultase ser outro éxito de participación, esgotándose a totalidade dos crustáceos postos a disposición: unhas dúas mil racións.
Xa dende o momento da apertura da festa ás 12 do mediodía numerosas persoas agardaban o momento de poder entrar á carpa situada no recinto da lonxa, prestas a degustar este produto.
A conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, fixo os honores de cortar a cinta inaugural, xunto co alcalde Manuel Ruiz baixo os acordes do himno galego. No acto asistían numerosas autoridades: o senador José Luis Torres; concelleiros da Corporación; os parlamentarios Herminia Pouso, Santiago Freire e Ramón Santos; o ex alcalde Ricardo Pérez Queiruga; o capitan marítimo de Vilagarcía, Manuel Martínez Calvo, e o inspector de Seguridade Marítima desta entidade, Manuel Calderón.
Tamén estaba por suposto o patron maior de Aguiño, José Antonio Santamaría, acompañado de anteriores ocupantes deste posto, como José Manuel Oujo e Andrés Monteagudo; e de colegas doutros pósitos de localidades como Riveira, Illa de Arousa, O Grove e Muros, así como os presidentes das federacións galega e provincial de confrarías.
Os moitísimos asistentes que se achegaron a Aguiño tiveron oportunidade de degustar o saboroso percebe con cachelo cocido en auga de mar, cociñado baixo a ollada do chef Miguel Mosteiro. Unha vez esgotadas as dúas mil racións botouse man doutras especialidades como navallas ou ameixas.
Monumento e pregón
O espírito festivo xa deu comezo nas últimas horas da tarde de onte: primeiro co descubrimento por parte do alcalde e o patrón maior do monumento aos percebeiros esculpido por Gonzalo Sarasquete e, despois, co pregón de apertura ofrecido pola polifacética artísta Susana Rodríguez Sampedro, que está a despuntar na serie “O Faro” de TVG e lembrou no seu discurso os moitos vínculos que lle unen á terra de Aguiño.
Percebeiro de honra
Tamén se fixo entrega da figura do Percebeiro de Honra (obra do creador local José Gude) ao fillo de quen fora patrón maior na época en que se constituíu a lonxa, Ángel Sampedro, tío ademais da pregoeira.
A continuación tivo lugar unha primeira xornada gastronómica denominada “Sabores de Aguiño, nas que se puideron degustar distintos produtos típicos como navallas, ameixa, polbo, percebe ou empanada de distintos tipos. Todo isto, nunha velada que estivo amenizada polo grupo Pan de Leña.











