Mirfak e Zóspiro imponse na V Regata Cabos do Norte Gran Premio Coreti
Ás catro e vinte da madrugada cruzaba a liña de chegada o MIRFAK que por escasos 16 minutos non batía a súa propia marca establecida nesta regata de 105 millas, a Regata Cabos do Norte Gran Premio Coreti na súa quinta edición, tras unha travesía exactamente de 15 horas 15 minutos e 20 segundos. Un pouco máis de dúas horas máis tarde facíao o GOMEZ MOSTLY mentres que o resto xa o facían coa luz do día entre as 10 e as 12 da mañá.
Tras unha primeira parte da regata rapidísima e espectacular en popa, o regreso xa foi outro cantar, todo en rumbo de cinguida con ventos de proa que chegaron a alcanzar na zona de Cabo Ortegal refachos de até 30 nós, con 25 constantes. A entrada na Ría de Betanzos ao final tamén baixou a media de velocidade dos barcos xa que baixou bastante de intensidade. Tras o cómputo de tempos necesario para barcos de características tan dispares, en tempo compensado as clasificacións finais foron as seguintes:
Clase ORC A
1º) MIRFAK (Farr 42 – Diego López – Comisión Naval Regata Ferrol)
2º) GÓMEZ MOSTLY (Prima 38 – Andrés Soto – RCN Coruña), a 01:40:43
3º) MAR DE VENTO (Northwind 40 – Francisco Figueiroa – CN Sada) a 05:53:01
CLASE ORC B
1º) ZÓSPIRO (Half 82 – Guillermo Branco – RCN Coruña),
2º) RAYGRASS III (Dufour 34 – Tom Núñez – CM Carrumeiro) a 00:10:40
3º) FLOR DE LIS (Fortuna 9 – José Luís Novo – CN Sada ) a 00:23:21
A entrega de premios tivo lugar na tarde do propio domingo nas instalacións do Club organizador, o Club Náutico de Sada, coa asistencia dos novos directivos da entidade e o director xeral da firma Coreti, o representante da marca de automóbiles Infiniti, así como os distintos colaboradores da regata.