Ethel Vázquez avanza que as obras de recuperación patrimonial e posta en valor da aldea de Sálvora iniciaranse en agosto
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, avanzou esta mañá que no vindeiro mes de agosto se iniciarán as obras para a recuperación patrimonial e posta en valor da aldea de Sálvora. A responsable de Medio Ambiente avanzou o comezo desta actuación durante unha vista á aldea de Sálvora, na que estivo acompañada polo alcalde de Ribeira, José Manuel Ruíz Rivas. A conselleira salientou que o investimento previsto para a execución dos traballos supera os 218.000 euros e ten un prazo de 3 meses, polo que a finais de outubro estarán rematadas.
Vázquez Mourelle salientou que a intervención incidirá na recuperación e promoción dos valores culturais e antropolóxicos que conforman a historia desta illa e permitirá conxugar a actividade turística, investigadora e educativa, coa conservación e protección deste espazo singular.
Destacou que o traballo de recuperación do patrimonio contribuirá a que Sálvora incremente o seu potencial turístico, un papel que se consolida e do que dan boa conta as cifras de visitantes, xa que no que vai de ano máis de 4.000 os turistas xa se achegaron ata esta illa.
Recuperar e mellorar
A conselleira de Medio Ambiente aclarou que Sálvora é un enclave no que xa se teñen realizado diversas intervencións de conservación (como a recuperación dos contornos do hórreos da aldea, no pasado verán), pero trátase dun espazo que se quere seguir recuperando e mellorando.
Nese sentido, levaranse a cabo traballos de reparación e mellora das estruturas das construcións da aldea, fundamentalmente en fiestras e tellados. Tamén se recuperará integralmente unha casa típica da Illa para, nunha fase posterior, recrear o seu interior e permitir aos visitantes que coñezan mobiliario e utensilios cotiás e tamén a distribución e usos tradicionais. Por último, tamén se restaurarán os fornos, a zona dos motores e distribución da auga na illa, ademais de realizar unha limpeza da zona.











