publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Apróbase o expediente de información pública e estudo informativo da nova vía que comunicará a Vía Ártabra con Sada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proceso de información pública e definitivamente do estudo informativo e impacto ambiental do novo vial de acceso a Sada desde a Vía Ártabra. 

A consellería de Medio Ambiente someteu en maio de 2013 ao trámite de información pública e dos organismos afectados o Estudo Informativo e Impacto Ambiental, no que se desenvolvían cinco alternativas para a execución dunha nova estrada que desenvolvía unha nova conexión desde a Vía Ártabra ata Sada. As alternativas iniciaríanse no enlace da Vía Ártabra coa CP-7508, situado en Osedo, e finalizarían – tras circunvalar Sada- no Porto de Sada na zona de Fontán, salvo unha que remataría na estrada Sada – Mera (AC-163).

Entre as alternativas estudadas, a seleccionada é a denominada alternativa D, no treito comprendido entre o punto quilométrico 0 (enlace da Vía Ártabra en Osedo) e o 4+550 (intersección coa AC-163).

No que respecta ao treito comprendido entre a intersección coa AC-163 e o punto final (p.q. 5+454,221, no Porto de Sada), tras ser analizadas as alegacións e informes recibidos, a Axencia Galega de Infraestruturas propón a elaboración dun novo estudo específico, có fin de axustar o trazado en planta e alzado e minorar as afeccións ambientais e patrimoniais.

Trazado seleccionado

O trazado que se aproba de xeito definitivo ten unha lonxitude de 4,55 quilómetros, nace na parroquia de Osedo, e cun trazado este oeste conecta coa AC-183 (Sada- Arillo) cunha glorieta na zona de Mondego, circunvalando a continuación o núcleo de Sada ata a AC-163 (Sada- Mera), coa que tamén se deseña unha intersección en glorieta. O tramo contempla 1,3 Km de vía lenta, superando o orzamento os 12,5 millóns de euros.

Segundo se indica na resolución de aprobación definitiva do Estudo Informativo, na redacción das fases posteriores de proxecto, axustarase entre o punto quilométrico 0 e o 4+550 o trazado e os camiños de servizo propostos co fin de reducir a ocupación da nova vía e analizarase a viabilidade de contemplar un semienlace coa estrada CP-7504, aproximadamente no p.q. 1.

Ademais, elaborarase un estudo específico do treito comprendido entre a AC-163 e o Porto de Sada (p.q. 5+454), có fin de axustar o trazado en planta e alzado.

Neste novo estudo, que será sometido a exposición pública, preténdese minorar as afeccións do trazado, e de xeito específico a afección ao castelo de Fontán. En consecuencia, a definición concreta do trazado e as características do falso túnel previsto neste tramo no documento sometido a información pública determinaranse no novo estudo.

Asemade, na redacción dos proxectos que desenvolvan a solución e durante a execución da obra teranse en conta os informes sectoriais recibidos e cumpriranse as prescricións da Declaración de Impacto Ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na súa resolución de 9 de abril de 2015, e que se publica tamén no Diario Oficial de Galicia (DOG) no día de hoxe.

14 de xullo de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.