Amadeo López Cobas gaña a quinta edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira

Entrega do premio a Amadeo López
O autor noiés Amadeo López Cobas é o gañador da quinta edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira pola súa obra “A Cacería”.
Así se fixo público no día de hoxe no acto celebrado no salón de plenos do Consistorio Municipal, no que así mesmo se fixo entrega por parte do alcalde do diploma conmemorativo e o cheque de 3.000 euros ao gañador, cuxa obra será publicada a vindeira primavera en Edicións Xerais na prestixiosa colección xuvenil Fora de Xogo.
Ademais do rexedor e do propio creador literario, o evento contou coa presenza do xurado, que estivo composto por Manuel Bragado, director de Xerais catedrática de Filoloxía Galega e Portuguesa Blanca-Ana Roig Rechou; David Pobra, gañador da anterior edición do concurso de novela; e Alicia Padín, responsable do Servizo Municipal de Normalización Lingüística, actuando como secretario o técnico de Cultura Unai González.
Relato épico
Manuel Bragado manifestou que a decisión de premiar a obra de Amadeo López Cobas entre as 18 obras presentadas (das que se valorou a súa diversidade de xéneros) foi tomada de xeito unánime. Bragado referiu que se trata dun relato épico no que se narra a toma de conciencia dun guerreiro ata converterse en heroe e salientou que se trata dunha “lectura engaiolante”.
Nacido en Noia en 1966 e residente en Vigo despois dunha longa etapa en Zaragoza, López Cobas deuse a coñecer en 2001 con “Un amigo en el Galacho”, ao que lle seguiu xa no idioma galego “Contos de viaxe” (2002) e “As pantasmas sodes do que non hai” (2008).
Amadeo López declarouse deliz e abraiado polo recoñecemento recibido e explicou que é unha honra recibir este premio, ademais de ter palabras de agradecemento para o xurado, para o Concello e para Edicións Xerais.
O alcalde felicitou ao gañador e destacou que por segundo ano consecutivo un autor da comarca barbanzana se fixese con este certame, despois da súa obtención fai dous anos (ten carácter bienal) por David Pérez González, alias David Pobra pola terra na que naceu. Así mesmo, referiu a idoneidade do certame concibido hai unha década para difundir e potenciar a lingua galega.











