A Xunta espera que a recuperación da Fundación Semana Verde se consolide no 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda salientou hoxe a plena recuperación na que se atopa a Semana Verde coa consolidación dun novo modelo de xestión que garantirá a súa viabilidade. O Vicepresidente, presidiu hoxe a reunión do Padroado da Fundación Semana Verde onde destacou que por primeira vez nos últimos anos, as contas da Fundación pecharon no 2014 cun superávit de máis de 150.000 euros, un punto de inflexión que agardamos se consolide no 2015, dixo.

Na mesma liña, outro importante fito acadado nos últimos meses, foi a incorporación dun patrocinador principal, cun importante compromiso de 450.000 euros en tres anos que fortalecerá a imaxe da Fundación e reforzará aínda máis as súas contas.

Eventos da Fundación

Mentres que en outros anos apenas había eventos no segundo semestre, este ano aos nove que xa se celebraron sumaranse outros seis, entre eles a celebración da feira STOCK-CAR GALICIA que terá lugar do 9 ao 12 de outubro.

Algúns dos principais eventos que se celebraron no recinto durante o primeiro semestre, foron a Abanca Semana Verde, TUREXPO Galicia ou CIMAG-GANDAGRO, todos eles relacionados co sector primario, o turismo e o ocio que obtiveron máis beneficios que nas súas anteriores edicións. Unha intensa actividade que se reflectiu tamén no elevado número de visitas, a última edición de Abanca Semana Verde, foi a máis concorrida dos últimos anos. En xeral, o Recinto está recibindo ao longo de todo o ano a visita de máis de 200.000 persoas.

Ademais, o Recinto dinamizouse tamén este ano a pequena escala cunha ducia de eventos que tiveron un público asistente de máis de 3.000 persoas e puideron desenvolverse grazas á colaboración co Concello de Silleda e a través da sinatura dun convenio de colaboración. O que está a permitir que a Semana Verde estea cada vez máis aberta á cidade.

2 de xullo de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.