A Xunta destinou 240.000 euros para o funcionamento do CIM de Riveira

López Abella na visita ao CIM de Riveira
A secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá acompañada pola delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Mª Belén do Campo e polo alcalde do concello de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, o Centro de Información á Muller de Riveira.
A secretaria xeral, manifestou o apoio do Goberno galego a estes centros, que ano tras ano reciben unha parte moi importante da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade.
O CIM de Riveira recibiu nos últimos anos achegas por parte da Xunta de máis de 240.000 euros. Conta cunha asesora xurídica que é tamén directora do centro e cunha asesora psicolóxica, ademais ten servizo de teletradución. O ano pasado atenderon no Centro a 179 persoas e recibiron un total de 562 consultas.
As axudas dos CIMs teñen por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.
Ademais, o Concello de Riveira está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.











