A Fundación Semana Verde solicita á Deputación de Pontevedra que faga efectiva a súa achega anual
A Fundación Semana Verde de Galicia espera que a Deputación de Pontevedra siga os trámites preceptivos para facer efectiva a achega de 150.000€ consignada nos orzamentos tanto da Deputación como da propia Fundación Semana Verde. O convenio a firmar por ambas institucións conta con tódolos informes favorables dos técnicos da Deputación e xa só está pendente de que se aprobe no Pleno da Deputación e a súa posterior firma.
A Fundación ven de poñer fin os litixios millonarios coa empresa construtora do recinto e co Concello de Silleda, adaptou o seu persoal de acordo cos criterios do Consello de Contas e os Auditores, triplicou a súa actividade nos últimos dous anos, recuperou a asistencia de público ás súas feiras máis emblemáticas, conseguiu acordos con empresas de primeiro orden que quixeron vincularse co proxecto da Fundación, e está a recuperar e dinamizar todos os espazos do recinto, incluíndo a actividade semanal da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que afecta anualmente a máis de 8.000 gandeiros, 46.000 animais e 16 millóns de euros en transaccións, e para manter ese pulo constante é preciso que as Administracións implicadas sigan cumprindo o seu compromiso de achegas.
A Xunta de Galicia, tendo en conta tódolos conceptos, leva feito achegas por valor de máis de 7 millóns de euros dende 2009, e a Deputación de Pontevedra, de 850.000€. Un esforzo do que se beneficia toda Galicia, pero especialmente a provincia de Pontevedra. A falta da achega de 150.000€ para este ano por parte da nova Deputación, detería en seco todo un proceso de recuperación que ten como fin que a Feira Internacional de Galicia ABANCA cumpra o seu obxectivo orixinario de ser un dinamizador dos sectores económicos de Galicia, e de ser a sede dos principais eventos de carácter autonómico, nacional e internacional que se realizan en Galicia.
Por ese obxectivo común, compartido por tódalas galegas e galegos, e tamén as pontevedresas e pontevedreses, a Fundación Semana Verde de Galicia espera que a Deputación axilice canto antes o seu compromiso orzamentario e apoie á Fundación como ven facendo todos estes últimos anos.











