A Festa do Percebe de Aguiño regresa coa previsión de servir 2.000 racións de crustáceo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRiveira
A-
A+
Presentación da Festa do Percebe de Aguiño

Presentación da Festa do Percebe de Aguiño

Esta fin de semana regresa ao calendario estival unha nova edición (a número 19) da Festa do Percebe de Aguiño: un referente gastronómico que dende 2013 vén organizando o Concello de Riveira, coa colaboración da Confraría de Pescadores de Aguiño. Precisamente o patrón maior desta entidade, José Antonio Santamaría, e a concelleira natural da referida parroquia Esther Patiño foron os encargados de pormenorizar o programa do evento.

“Sabores de Aguiño”

Ao igual que no pasado ano, a cita comprenderá dous días: o sábado 25 e o domingo 26 de xullo. Así, a primeira xornada arrancará ás 21 horas co descubrimento do monumento dedicado aos percebeiros esculpido polo artista riveirense Gonzalo Sarasquete (o seu título “Mar Bravo, Mar Limpo”) e cun pregoeiro aínda por desvelar, para poñer en marcha de seguido unha sesión gastronómica na que, baixo a denominación “Sabores de Aguiño”, degustaranse distintos produtos característicos desta parte da ría, como navallas, ameixa, polbo e o consabido percebe. Amenizará a velada o grupo Pan de Leña.

Xa o domingo, ás 12 do mediodía dará comezo o gran día da Festa do Percebe cunha inauguración que estará presidida pola conselleira de Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana. Poranse en oferta 2.000 racións de crustáceo, con racións de entre 300 e 400 gramos e coa expectativa de esgotar un ano máis todo o produto dispoñible ao igual que aconteceu na edición de 2014.

Un grupo de música tradicional e atraccións infantís servirán para amenizar a xornada dominical.

21 de xullo de 2015 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.