A exposición “Os caprichos de Goya de Dalí” foi visitada por unhas 8.500 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A peregrinaxe polos Estados Unidos da exposición “Os Caprichos de Goya de Dalí”, pertencente aos fondos do Museo do Gravado de Artes, está a colleitar un éxito notable. Así, unhas 8.500 persoas visitaron esta mostra durante a exhibición da mesma nas sedes do Instituto Cervantes nas metrópoles de Nova York e Chicago.

A este respecto, cómpre lembrar que a exposición foi inaugurada na Gran Mazá o pasado 6 de marzo, nun acto ao que asistiron entre outras autoridades o embaixador de España en Washington, Ramón Gil-Casares; o director xeral de Migraciones do Goberno español, Aurelio Miras; e o alcalde de Riveira e presidente da Fundación Museo de Artes, Manuel Ruiz, actuando como curator Ellen Prokop, da Frick Collection.

Aquel día unhas 200 persoas acudiron ao acto de apertura, ás que hai que sumar outras 1.710 que se foron achegando de forma continua durante o período de exposición da mostra na cidade neoyorkina (estivo aberta ata o 6 de marzo), desexosos de contemplar os 40 gravados (17 de Goya e 23 de Dalí) integrantes da colección).

Ampliación

A continuación, o 26 de abril trasladouse ao Instituto Cervantes de Chicago, onde a expectación xerada foi aínda maior. De feito, inicialmente estaba previsto que estivera ata o 10 de xuño, pero foi ampliado o período de exposición ata o 22 de xuño ante a gran demenda de asistencia de público. Tal foi así que un total de 6.580 persoas foron contabilizadas, obtendo unha moi boa repercusión mediática, con artigos ou reseñas nunha decena de medios da urbe (Chicago on the Cheap, Chicago Artists Resource, Arte y Vida Chicago, American Reads Spanish, etc…). 

Por outra banda, a exposición está a resultar tamén unha experiencia moi positiva dende outro punto de vista, pois está a servir tamén como un elemento de atracción e interactuación da comunidade española residente, incluíndo a unha nova tipoloxía de inmigrante formada por xente moza cun alto grado de cualificación profesional, que non acostuma a frecuentar casas ou asociacións de españoles. 

No mes de setembro, a exposición recalará en Miami, para viaxar a continuación a Tampa e Texas.

20 de xullo de 2015 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.