A directora xeral de tráfico diserta en Riveira sobre seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Curso de verán sobre criminoloxía en Riveira

Curso de verán sobre criminoloxía en Riveira

No día de hoxe deu comezo no Auditorio Municipal de Riveira un curso de verán sobre Criminoloxía e Psicoloxía Xurídica organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. E fíxoo cunha ponencia de apertura ofrecida pola directora xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, María Seguí Gómez, quen disertou sobre a situación actual da seguridade viaria e os delitos de tráfico.

Previamente, o director da UIMP, Domingo Bello Janeiro; o coordinador do curso, o riveirense Gualberto Buela-Casal; e o alcalde Manuel Ruiz, encargáronse de ofrecer o acto inaugural ante unha audiencia formada por unha vintena de estudantes. 

Bello Janeiro destacou o valor dos cursos de verán ofrecidos, que teñen convertido á Menéndez Pelayo nunha das máis altas universidades de referencia a nivel mundial, tanto “por el prestigio de los ponentes que nos acompañan”, como “por la relevancia de los temas interés social que tratan”.

Buela Casal salientou a categoría profesional dos relatores que participarán no curso ata o venres: dende María Seguí ata catedráticos de universidades como Granada, Santiago e La Laguna, ou o comandante José Luis González Álvarez, da Sección de Análisis del Comportamiento Delictivo.

Pola súa parte, Ruiz Rivas agradeceu á UIMP que sempre honre a RIveira con algún curso de verán e desexou aos asistentes unha agradable estancia na nosa cidade e, sobre todo, unha proveitosa aprendizaxe. 

A continuación, María Seguí deu a coñecer cifras tan interesantes como que ao longo do ano movénse aproximadamente uns 110 millóns de persoas (46,5 millóns de residentes permanentes e 65 millóns de turistas) polo territorio estatal, formado por unha rede de 660.000 quilómetros de vías públicas, o que reflicte a magnitude da problemática. 

Unha das principais dificultades a día de hoxe é poder medir con precisión cantos desprazamentos se produce. Tan só se conta cunha cifra que data do ano 2007 do Ministerio, que afirma que en España se producen 42.000 millóns de desprazamentos.

Ademais, manifestou que 26,2 millóns de residentes dispoñen como mínimo dun permiso de conducir e hai rexistrados 31 millóns de vehículos en España.

Sobre a base destes datos, o ano pasado identificáronse 4 millóns de infraccións de tráfico.

1.688 mortos

O ano pasado perderon a vida nun accidente de tráfico un total de 1.688 persoas, cifra só un 0,4% superior á do ano 2013, pero que en calquera caso supoñen segundo manifestou María Seguí os mellores datos da historia. “Desde 1960 hemos multiplicado por 13 el número de vehículos en el país; hemos multiplicado por 9 el número de conductores; y en cambio hemos reducido en más de la mitad el número de muertos”, declarou.

O groso das vítimas de tráfico están formadas por ocupantes de turismo, seguidos a continuación por peóns, motociclistas e ciclistas.

15 de xullo de 2015 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.