A Comisión de Festas de Silleda destaca o éxito de público nos cinco días de festexos e agradece a colaboración veciñal

Entrega de premios
A Asociación Comisión de Festas de Silleda amosa a súa gran satisfacción polo éxito de público e participación acadado durante os festexos de verán que acolleu a capital trasdezá do 9 ó 13 de xullo. Miles de veciños e visitantes gozaron de cinco días de variadas actividades co deporte, a música e o entretemento para tódalas idades como eixes centrais dun programa preparado durante meses de esforzo.
Novas propostas como o autoeslalom de automobilismo, campionatos de golf, petanca, tiro con arco, espectáculo canino, baile de salón, ou os campionatos de padel e tenis-nos días previos-, acadaron unha destacable asistencia de afeccionados, completando un cartel no que a oferta musical, de lecer e a cantidade de atraccións tamén estivo á altura do que os silledenses merecían.
Non deixamos débedas, ó día de hoxe está todo pagado, por todo elo, o equipo organizador asegura estar “moi satisfeito cos resultados” e reitera o seu agradecemento aos silledenses e a tódolos particulares, empresas, institucións e colectivos varios que, dun ou doutro xeito, axudaron a lograr unhas das mellores festas de verán que se recordan en Silleda.
SÓ UNHA COMISIÓN
Sabedores das dificultades que se derivan da organización duns festexos deste tipo, os membros integrantes da Asociación Comisión de Festas de Silleda fan unha chamada á reflexión. “Nun pobo pequeno como é Silleda, non é necesario nin conveniente que haxa dúas comisións de festas, cun dobre petitorio”.
Ocorreu nesta edición que moitos comerciantes e empresarios locais tiveron que recortar os seus donativos ou repartilos entre os organizadores da Festa do Lacón e a Asociación Comisión de Festas de Silleda.Por iso, vímonos obrigados a ter que pedir a empresas doutros Concellos.
Esta comisión, que remata hoxe, anima a camiñar da man en vindeiras edicións posto que, o máximo prexudicado é, en definitiva, o pobo de Silleda.











