A actriz Susana Rodríguez Sampedro ofrecerá o pregón na primeira xornada da XIX Festa do Percebe de Aguiño
A actriz local Susana Rodríguez Sampedro será a encargada de dar na noite de mañá o pregón de apertura da XIX Festa do Percebe de Aguiño, organizada polo Concello coa colaboración da Condraría de Pescadores da localidade.
A intervención da pregoeira terá lugar xusto despois de que ás 21 horas se descubra na zona de acceso á lonxa o monumento aos percebeiros “Mar Bravo, Mar Limpo”, obra de Gonzalo Sarasquete.
Acto seguido terá lugar a primeira xornada da festa na que, baixo a denominación de “Sabores de Aguiño” (as taquillas xa estarán abertas dende as 20.30 horas), poderanse degustar distintos produtos típicos como navallas, ameixa, polbo ou percebe. Todo isto, nunha velada que estará amenizada polo grupo Pan de Leña.
Xa o domingo, ás 12 do mediodía dará comezo o gran día da Festa do Percebe cunha inauguración que estará presidida pola conselleira de Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana. Poranse en oferta 2.000 racións de crustáceo, con racións de entre 300 e 400 gramos e coa expectativa de esgotar un ano máis todo o produto dispoñible ao igual que aconteceu na edición de 2014. Un grupo de música tradicional (Ar de Loureda) e atraccións infantís servirán para amenizar a xornada dominical.
O prezo das racións ascende a 14 euros por unidade.











