publicidade hoxe

Usuarios do centro de recursos de Medelo aprenden en Sanxenxo a navegar a vela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSanxenxoSilleda
A-
A+
Curso de vela

Curso de vela

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia tempada de verán coa posta en marcha do programa de lecer náutico que se desenvolve no RCN de Sanxenxo co apoio de Fundación Mapfre dende maio ata setembro.

Durante esta semana, dende o 14 ata o 19 de xuño, un grupo formado por quince persoas usuarias do centro de recursos de Medelo, acompañados de catro profesionais do centro, están en Sanxenxo practicando a vela e dedicando o resto do día a realizar outras actividades de lecer como ir á praia, pasear, visitar museos…, actividades que varían segundo as condicións climatolóxicas.

O programa de lecer náutico ten unha duración de 20 horas de clases teóricas e prácticas para aprender a manexar unha embarcación lixeira a vela. O éxito desta actividade, que iniciou COGAMI en 2013, fai que máis dun cento de persoas estean apuntadas para participar durante este ano.

O programa lecer náutico permite unha estadía de cinco días de vacacións na vila de Sanxenxo, onde as persoas poderán ter acceso a actividades inclusivas, sen barreiras, nas que todas as persoas poden participar sen exclusión. Esta accesibilidade xa inicia no lugar onde conviven, a residencia de AIXIÑA, e tamén nas propias instalacións do RCN de Sanxenxo. Ademais, estas mini vacacións supoñen uns días de respiro familiar, tanto para as propias persoas con discapacidade como para as súas familias e/ou coidadores.

15 de xuño de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.