Unhas 40 actividades distintas para profesionais e público xeral daranse cita en Salimat Abanca 2015
O 19º Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA 2015, o cal se celebrará do 11 ao 14 de xuño de forma paralela á 38ª edición da feira ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA, contará no seu programa con 40 actividades distintas para profesionais do sector e para público xeral.
Destacarán na vertente máis técnica os Encontros Internacionais e Nacionais de Compradores, que permitirán aos expositores do certame presentar os seus produtos a 28 importadores, distribuidores e restauradores de 14 países, o que supón o dobre de compradores e de países de procedencia respecto á edición de 2014.
Por outra banda, a feira contará co espazo Alinova, o cal mostrará a todos os visitantes 40 innovacións alimentarias de gran orixinalidade, e a aula de catas da Consellería do Medio Rural e do Mar, na cal se levarán a cabo 15 sesións protagonizadas por numerosos produtos galegos con Denominación de Orixe. Engadiranse un gran número de degustacións, algunhas para público xeral e outras para profesionais, como a de polbo de lonxa con aceite galego, de carne de raza rubia galega, de café co recoñecido barista Óscar de Toro, de embutido tradicional galego,de porco celta e de menús degustación con 17 tapas distintas das razas bovinas en perigo de extinción, da Galiña de Mos e a cabra e ovella galegas no restaurante Tapirazas, de man do cociñero Antonio Díaz do restaurante Andarubel-Fragas do Eume.
Sumaranse talleres e actividades educativas, como o “O sabor da aventura está no mar”, un programa da Consellería do Medio Rural e do Mar para facilitar o coñecemento e fomentar o consumo de produtos do mar de Galicia entre os nenos e nenas da comunidade. E tamén exhibicións como unha demostración de esculpido de xamón en vivo por parte dun mestre xamoneiro.
O programa contará ademais con xornadas técnicas, como a do Consello Galego de Cooperativas titulada “Cooperativas abrindo mercado” ou a organizada por Asoporcel sobre “Sistemas de cebo do porco celta”, e tamén con reunións sectoriais, como a da asociación de produtores de olivas e aceite de oliva de Galicia e a de socios de Coopera+, ou asembleas como a ordinaria e extraordinaria de Asoporcel.
Outras actividades nos stands
A estas propostas sumaranse moitas outras realizadas polos propios expositores nos stands, as cales non se inclúen no programa oficial pero forman parte dunha completa programación de actividades para os visitantes.











