Un total de 61 alumnos da Escola de Ballet bailarán no festival de danza clásica de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Un total de 61 alumnos -59 nenas e 2 nenos- van participar o vindeiro 21 de xuño no tradicional Festival de Danza Clásica ofrecido pola Escola Municipal de Ballet. A directora do centro, Cristina Riveiro, explicou este mediodía o programa do evento, acompañada de dúas das alumnas do grupo de nivel avanzado que participarán no mesmo: María Vizcaya e Celia Muiños.

A cita terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio Municipal e será como sempre gratuíta (as entradas pódense retirar media hora antes).

O programa arrancará co grupo de bailaríns máis pequenos, que porán en escea “Bruxiñas”, tema central da banda sonora “A Terminal” composto por John Williams.

A continuación soará “As Princesas”, de The Piano Guys,; “Celta”, con música de Alasdier Frasier e Paul Machlis; e extractos do ballet “A Arlesiana”, con partitura de George Bizet e coreografía de Roland Petit.

O festival rematará coa participación dos alumnos maiores co tema “Orobroy”, de David Peña Dorantes, no que tamén actuará a propia profesora Cristina Riveiro.

Antes de dar por clausurado o evento, que está incluído dentro da programación do Xuño da Cultura e as Artes, aínda se entregarán os correspondentes diplomas aos participantes.

15 de xuño de 2015 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.