Un total de 27 silledenses participan na excursión ao complexo de Sogama o vindeiro martes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A visita ao complexo medioambiental de Sogama, no municipio coruñés de Cerceda, organizada polo Concello de Silleda, terá lugar o vindeiro martes día 30. A día de hoxe hai xa 27 persoas anotadas, a maioría delas de distintas asociacións e colectivos veciñais, así como delegados de varias parroquias.

Dende o departamento municipal de Medio Ambiente de Silleda organizouse esta visita para dar a coñecer a veciños e colectivos os procesos de reciclaxe que se levan a cabo nesta instalación. Así mesmo, esta excursión, gratuita, enmárcase dentro do proxecto para implantar a compostaxe doméstica no rural de Silleda, logo de que o Concello se sume ao plan da entidade.

Dende Sogama subministranse ao Concello un total de 50 composteiros, de 340 litros de capacidade cada un, que se distribuirán noutros tantos fogares.

As vivendas deben de ser unifamiliares e dispoñer de horta, xardín ou terras de cultivo.

Así mesmo, tamén se remitirán 80 manuais sobre esta técnica de compostaxe para repartir entre as familias participantes, e Sogama encargarse ao mesmo tempo de ofrecer a información necesaria, mediante un curso formativo a cargo de un monitor experto na materia.

Dende o Concello de Silleda realizarase o seguimento do programa, sempre baixo a supervisión do monitor/a.

Outra das posibilidades que se baralla é a de valorar a instalación dun composteiro comunitario para unha parroquia. A compostaxe doméstica presenta múltiples vantaxes.

Esta xestión sostible dos residuos, sobre todo en zonas do rural, permite reducir a frencuencia no tramporte e recollida de lixo, coa correspondente diminución de emisións contaminantes.

Tamén supón un aforro económico ao diminuir a materia orgánica nos colectores de lixo.

“Queremos que os veciños e veciñas coñezan de primeira man esta técnica e as súas vantaxes”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Rodríguez, que o pasado día 5, con motivo do Día Internacional do Medio Ambiente participou en Sogama na xornada adicada á compostaxe doméstica e a súa aplicación na agricultura ecolóxica.

24 de xuño de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.