Un total de 17 asociacións de discapacidade intelectual mediranse en Riveira no 17º maratón urbano Special Olympics

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRiveira
A-
A+

Un total de 17 asociacións comprometidas coa integración das persoas con discapacidade intelectual van participar no noso concello este domingo no 17º Maratón Autonómico Urbano Special Olympics Galicia. Para explicar os aspectos máis relevantes da cita concorreron hoxe no Consistorio local a presidenta de Amicos, Esther Vidal; Xosé Luis Queiruga no nome de Special Olympics e Fademga; o xoven deportista Fran e os concelleiros de Servizos Sociais e Deportes, Maricarmen Vizcaya e Juan Luis Martínez. En total, máis de 300 persoas involucraranse na iniciativa, entre atletas, adestradores, voluntarios e integrantes da organización. Deles, 182 serán deportistas. 

Desfile

O maratón dará comezo ás 10.45 horas co desfile de deportistas para que a continuación un atleta de Amicos lea o lema da actividade: “Quero gañar, máis se non acado, deixádeme ser valente no intento”.

As carreiras principiarán ás 12 horas, establecéndose tres niveis de competición en función dos coñecementos que os deportistas teñen das regras, así como das súas capacidades físicas. Os atletas de Nivel I percorrerán unha distancia de 4.000 metros; os de Nivel II, de 1.500; e os de Nivel III, de 800 metros, habendo ademais un Maratón Adaptado cunha distancia de 300 metros. Todas as carreiras realizaranse no Malecón. 

Das 17 asociacións participantes, tres proceden da provincia de Lugo (Prodeme, Aspanane e CAPD Sarria), dous de Ourense (As Burgas e Aspanas), seis de Pontevedra (San Francisco, Aspadeza, CAPD Redondela, Juan María, Aspavi e Aceesca) e seis da Coruña (Amicos, Aspas, Apader, Pai Menni, Aspronaga e Chamorro). 

Xosé Luis Queiruga incidiu na crucial importancia que teñen este tipo de eventos para dotar de visibilidade ás persoas con discapacidade intelectual e obter deste xeito unha maior concienciación entre a sociedade.

11 de xuño de 2015 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.