Un libro catálogo de 408 páxinas en edición bilingüe pon o broche de ouro á exposición sobre o Santa Isabel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Presentación do libro

Presentación do libro

Como corolario á exposición dedicada ao Santa Isabel, concluída a semana pasada, acaba de saír do prelo do Servizo de Publicacións da Deputación da Coruña un libro de 408 páxinas en edición bilingüe (galego e castelán) e esmeradamente deseñado sobre a mostra, celebrada con gran éxito no Auditorio Municipal, con máis de 3.500 visitas.

A publicación foi presentada esta mañá pola concelleira de Cultura, Elvira Pisos Arnoso, e a comisaria da mostra e coordinadora do propio libro, Pilar Casas Gil.

Tal e como explicou Elvira Pisos, a publicación supón moito máis que o típico catálogo de pezas dunha exposición xa que o que se tratou de facer é unha obra que recolle máis dunha decena de artigos de investigación realizados por distintos expertos e que permitirá ao lector descubrir non só a historia da construción deste barco e do naufraxio, senón tamén achegarnos ao contexto histórico no que se inserta esta historia –marcada profundamente pola emigración cara América- así como coñecer con máis detalle a vida dos protagonistas da traxedia.

Xunto aos artigos (en galego e en castelán) inclúese o catálogo de pezas correspondentes á exposición, así como varios anexos documental, fotográfico e de prensa, neste último caso comprendendo noticias aparecidas nos xornais e revistas entre agosto de 1915 e novembro de 1930. 

No libro figuran textos de Xosé María Fernández Pazos, Esperanza Salas Gallego, Jesús Romero González, Sara Vargas Vasallo, José María Molina Martínez, José Antonio Otero Sobrido ou a propia Pilar Casas Gil, entre outros.

3 de xuño de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.