Todo o relativo a emprego e formación dispoñible a golpe de click na nova web de Porremprego
O concelleiro de Emprego e Formación do Concello do Porriño, M. Alejandro Lorenzo, presentou esta mañá o novo portal web de Porremprego, un espazo renovado concibido como unha ferramenta para potenciar o emprego local. “Esta plataforma conta cun novo deseño sinxelo e funcional que permitirá aos usuarios acceder sen moverse da súa casa a ofertas de emprego actualizadas diariamente ou á oferta formativa dispoñible para mellorar a súa empregabilidade e incrementar as súas posibilidades de incorporarse ao mercado laboral”, explicou o edil.
Con esta nova plataforma Porremprego persegue facilitar e axilizar os seus servizos e centralizar a información relativa ao emprego e formación nun espazo accesible e alcanzable para todos os veciños do Porriño.
Unha nova iniciativa do Concello do Porriño que continúa dirixindo todos os seus esforzos á xeración e o fomento do emprego no noso municipio. Non en balde, as últimas cifras arroxadas polo SEPE en referencia ao pasado mes de abril constatan que, aos poucos e de maneira constante, está a conseguirse unha notable melloría do mercado laboral no noso municipio descendendo de maneira continuada os últimos 3 anos. E é que, desde xaneiro deste ano 260 persoas abandonaron a lista do paro no noso municipio, sendo 90 os veciños do Porriño que conseguiron emprego o pasado mes, resultados que sitúan en 2.232 o número de porriñeses en situación de desemprego, cifra histórica que non se daba no noso municipio desde o ano 2011.
“Aínda que sexan datos moi positivos e alentadores, non son suficientes. Reducir o volume de parados ao mínimo seguirá sendo unha prioridade para min e para o meu equipo”, explicou o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “Continuaremos dirixindo todos os nosos esforzos a conseguir que os nosos veciños desenvolvan a súa vida diaria nun marco de pleno emprego a través do exercicio dun posto de traballo de calidade”.
Un novo deseño sinxelo e funcional
A nova web incorpora múltiples funcionalidades que crearán unha canle directa e inmediata entre a oferta e a demanda local. Os usuarios da bolsa municipal de emprego poderán xerar o seu currículo a través da propia web nun proceso guiado ou, no seu caso, actualizalo de maneira online e polo a disposición das empresas de maneira inmediata, así como consultar as ofertas de emprego que máis se adecuen ao seu perfil profesional.
A plataforma ofrece ao mesmo tempo a posibilidade de subir unha nova e cada vez máis en auxe modalidade, o vídeo currículo, aspecto moi valorado por moitas empresas.
Pero non se trata só dun portal para buscar emprego, pois este novo espazo está concibido para achegar ao cidadán toda a información relativa ao mundo laboral, dedicando unha completa sección a dotar de todas as ferramentas necesarias a aqueles que queiran emprender e crear o seu propio emprego. Na sección “Lumieira Emprende” pódese acceder a toda a información relativa ao autoemprego, atopando o necesario para enfrontar paso a paso o proceso de creación dunha empresa cunha maior garantía de éxito.
En definitiva, unha web interactiva e funcional que achega os servizos e información que ofrece a Axencia Local de Colocación Porremprego aos seus usuarios, a fin de facilitar a inserción laboral de calquera veciño do Porriño.











