Stock-Car Galicia 2015 converterá a Silleda en referente do automóbil de ocasión do 9 ao 12 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSilleda
A-
A+
Presentación da Feira Stock Car Galicia

Presentación da Feira Stock Car Galicia

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 9 ao 12 de outubro deste ano a feira Stock-Car Galicia 2015, a cal foi presentada esta mañá nas instalacións do recinto por Sindo Alonso, representante da empresa organizadora deste evento, e Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia.

Durante o acto Sindo Alonso deu a coñecer as características deste certame, do cal destacou que será “a maior feira  de Galicia do vehículo de ocasión, seminovo e quilómetro 0”, na cal participarán casas comerciais de automóbiles de toda a comunidade que ocuparán unha superficie “duns 20.000m²” nos que tamén estarán presentes outras entidades de servizos relacionados co sector, e que contará cun programa de actividades paralelas . Así mesmo, indicou que este evento se trata dunha “aposta de futuro” que pretende converterse en “cita obrigada” nun recinto do que subliñou que “a nivel funcionalidade é o mellor de Galicia”.

Pola súa banda, Ricardo Durán incidiu en que sempre “é unha boa noticia presentar novas feiras”, o que ademais reflexa que se están “cumprindo as expectativas que tiñamos para este ano de incrementar a actividade”. Tamén fixo fincapé en que a Fundación Semana Verde de Galicia está aberta a calquera empresa que queira organizar algún evento no recinto, ao tempo que indicou que Alonso xa ven traballando coa Fundación nalgunhas feiras, supoñendo esta ocasión unha continuidade desta colaboración.

A feira Stock-Car Galicia 2015, na cal distintas empresas amosaron xa a súa intención de participar, ocupará os dous pavillóns principais do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Ademais de automóbiles de casas comercias, tamén sen carné, a súa exposición acollerá un mercado para particulares no que estes poderán poñer á venda o seu coche, previo pago pola súa participación. 

Esta ampla exposición, enfocada como unha gran área de compra-venda de coches de ocasión, seminovos e quilómetro 0, estará complementada por un programa de actividades paralelas relacionadas co mundo da automoción. Este incluirá, entre outras propostas que se irán definindo nos vindeiros meses, un parque de seguridade viaria, un circuíto de karts e exhibicións de pilotos.

Outros dous eventos este ano

No transcurso da presentación Sindo Alonso deu a coñecer que tamén acordou coa Fundación Semana Verde de Galicia a celebración doutro evento no recinto durante este ano, unha feira multisectorial da que practicamente só falta establecer as datas e que se dará a coñecer proximamente.

Así mesmo, indicou que a súa empresa está a estudar a ubicación no recinto durante as datas de Nadal do maior parque de atraccións de Galicia, unha cita que se encontra xa bastante avanzada pero cuxa celebración dependerá das colaboracións coas que conte.

30 de xuño de 2015 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.