Silleda promociona o seu patrimonio xunto cos museos do rural do Deza na feira Semana Verde
O Concello de Silleda participará na Semana Verde de Galicia, que comeza mañá, co stand de catro importantes centros patrimoniais da comarca do Deza. Baixo o título “Patrimonio Artístico, Etnográfico e Mineiro do Deza”, un stand no pavillón 2 do recinto reunirá por terceira vez en formato exposición ao Mosteiro de Carboeiro, o Museo da Minería de Fontao, o Museo Casa do Patrón e a Fundación Paco Lareo- A Solaina de Piloño.
Deste xeito, aunaranse baixo un mesmo teito catro grandes representantes museísticos da comarca. Dunha banda, o museo arquitectónico que en sí mesmo supón o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro que, como xoia representativa do románico, é un dos grandes atractivos culturais e turísticos do Deza, como acredita o cada vez máis crecente número de visitas nos últimos anos.
Mentres, o recén creado Museo da Minería de Fontao versará sobre a vida mineira que se desenvolveu nesta parroquia de Vila de Cruces, e que fora nas décadas de 1940 e 1950 un dinámico micromundo industrial incrustado na tradición rural das beiras do río Deza. Este museo destina a exposición a antiga capela do poboado mineiro e as escolas, totalmente reformadas e acondicionadas durante o pasado ano. Dispón, ademais, dun auditorio que ocupa as dependencias do antigo cine e que conta con cafetería e tenda.
A Fundación Paco Lareo-A Solaina é amplamente coñecida pola seu labor de reflexión e digulgación artísticas con participación internacional. O lembrado pintor Paco Lareo fora o encargado, xunto con outros artistas, de transformar unha antiga casa grande nun centro artístico domedio rural no que, ademais de acoller actividades artísticas de diversa índole, se pode admirar unha importante colección de obras de creadores dezáns, entre os que se atopan Laxeiro, Colmeiro e Sucasas.
En último lugar, o Museo Casa do Patrón sito en Codeseda, Doade (Lalin), achega a tradicional forma de vida galega á sociedade actual a través da casa-vivenda popular galega, con 13 salas de exposición , 3500 pezas representativas dos oficios tradicionais e 19 talleres de actividades para tódalas idades, sobre os procesos de produción máis comúns como a matanza, queixeiría, cocido do pan, sendeirismo, barro, cestería, a viticultura e os xogos populares.











