Rosana Calvo faise co Premio Ramiro Carregal da Fundación Museo das Artes do Gravado á Estampa Dixital

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A Fundación Museo de Artes centra o seu obxectivo na colección, catalogación, estudo e difusión da arte gráfico desde as súas orixes aos nosos días. Por iso a Institución está clasificada de interese cultural e de interese galego respectivamente. Para continuar a senda da difusión, a Institución comezou a organizar o Premio Atlante, consolidándose no mundo dos Premios de Gráfica, como mostra xa esta sexta edición.

Un ano máis o Premio continuou cunha gran repercusión a nivel internacional e nacional. Exemplo diso foron os gravados recibidos de 16 países diferentes entre os que se atopan India, Austria, Irán, Canadá ou Bulgaria, entre outros.

Nesta edición rexistráronse máis de 230 gravados cunha gran calidade técnica que dificultaron a decisión do xurado. O fallo resolveuse o 20 de Xuño á 13:00 na sede da Fundación, estando reunidos Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Juan M. Monterroso, José M. López e Daniel Buján, quen finalmente acordaron por unanimidade recoñecer o premio Ramiro Carregal (cunha contía de 5000€ outorgada por D. Ramiro Carregal presidente de Frinsa) a Rosana Calvo, artista residente en Noia. O Premio María do Rosario Martín (2500€ concedidos polo presidente de Remolcanosa Nosa Terra SA, José Silveira) recaeu sobre a artista Shirin Salehi de nacionalidade Iraniana. Así como dous segundos premios de 2500€ que foron outorgados a Tomas Winiarski (Polonia) e Mª Luisa Pascual Langle (Madrid).

Por outra banda o Premio Barbanza-Ría de Arousa, concedido a un artista nado ou residente na zona, recaeu sobre Dominga Jesusa Lago cunha contía económica de 1400€.   

Finalmente seleccionáronse un total de 65 gravados que se exporán nunha das salas do Museo cos premiados e finalistas. Como mención especial o xurado quere recoñecer a obra da participante máis nova ata o momento (13 anos de idade) expondo o seu gravado xunto aos seleccionados.

23 de xuño de 2015 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.