Preto de 50 actividades distintas conformarán o programa da Fecap Abanca 2015
A II Feira de Caza, Pesca e Natureza, FECAP ABANCA 2015, a cal se celebrará do 11 ao 14 de xuño de forma paralela á 38ª edición da feira ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA, contará cun completo programa conformado por cerca de 50 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo dos seus catro días de duración.
Os visitantes poderán ver numerosas exhibicións, entre elas, de aves de cetrería, de cans de parada e cans de rastro modalidade xabaril, de pesca de salmónidos lance co campión autonómico desta disciplina, de pesca a mosca por parte de membros da Selección Galega de Pesca Xuvenil, de emprego de peixes artificiais para troita e de montaxe de aparellos para pesca, entre elas, de moscas a cargo do veterano profesional Rafael de la Iglesia, de baixos para auga doce, de artificiais para pesca de troita, de moscas realistas (un tipo no que case parecen o insecto), de señuelos para pesca de cefalópodos, de como anelar unha caña e de nós e baixos surf casting. Ademais levaranse a cabo demostracións de tiro con arco tanto olímpico como na modalidade recorrido de bosque, así como de caza con arco, unha delas a cargo de cazadores arqueiros cualificados pola Escuela Española de Caza e outra por parte do gañador do Campionato Nacional IFAA 2014 Bow Hunter, Ángel Villaverde, e do segundo e cuarto clasificado desta competición de arqueiros de bosque.
Dentro destas demostracións, moitas das relacionadas co ámbito da pesca terán lugar no lago da Feira Internacional de Galicia, o cal se reestreará na feira FECAP ABANCA 2015 grazas ao labor de acondicionamento deste espazo que está a desenvolvera Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, centrado na recuperación da súa zona perimetral, o control da auga, a solta e control de habitabilidade de peixes e a colocación de vallas, ademais do acondicionamento da carballeira.
As exposicións tamén serán numerosas, como as de carretes de pesca antigos da marca Segarra, de trofeos de caza, de aves de cetrería, de material de tiro de caza con arco ou as didácticas sobre a actividade cinexética.
Neste programa tamén se incluirán diversos talleres, centrados en especies animais ameazadas, plantas aromáticas, de estampado con follas de árbores autóctonos, iniciación ao tiro con arco para os visitantes, prácticas participativas de voo con aves de cetrería e talleres manuais sobre estes animais ou de pesca para os integrantes de Aspadeza (Asociación de Pais de Disminuidos Psíquicos da Comarca do Deza). En canto ao cursos, levaranse a cabo un de manexo de colares radio localizadores para cans, outro de formación de árbitros das modalidades de recorrido de caza e Compak Sporting e outros dous de xuíces, das modalidades de cans de parada e San Huberto e das de rastro de xabaril e coello, ademais dun clinic de pesca de lance, captura e solta para nenos.
Entre as actividades da feira tamén estarán a xornada técnica “A xestión do coello de monte e a nova enfermidade vírica: bioloxía da especie, xestión cinexética, repoboacións, biotopos, rozas e vacinas”, entregas de premios como a da 4ª proba da Liga Galega de Tiro con Arco de Recorrido de Bosque, presentacións como a do carrete Crack Contact, reunións como a de homologación de trofeos de caza e a do fallo de premios da Federación de Tiro con Arco e tamén un circuíto de buggies.
II Feira de Cans de Caza
O domingo FECAP ABANCA 2015 tamén contará no seu programa coa II Feira de Cans de Caza, na cal xa están inscritos en torno a 250 cans que serán exhibidos e xulgados en base a criterios raciais e morfolóxicos, sendo premiados os cans más destacados segundo estes parámetros e entregándose tamén premios especiais á “Mellor Gaiola”, “Mellor Camada” e “Mellor Exemplar”.
Para a organización deste completo programa de actividades, a feira FECAP ABANCA 2015, a única coa súa temática na Comunidade, conta coa participación de catorce entidades e colectivos, como son a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Aproca, Cazarco e a Federación Galega de Caza, Unitega, Club Dezarco e a Federación Galega de Tiro con Arco, Cucharillas Edu, Federación Galega de Pesca, a Sociedade de Caza e Pesca de Silleda, Asociación Galega de Cetrería, Las Águilas de Valporquero, a tenda Remanso e a empresa Turnativa.











