Pazos de Borbén convoca unha nova edición do programa de formación cidadá
O Concello de Pazos de Borbén, a través da súa Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local e da Biblioteca Pública Municipal acaba de anunciar unha nova edición do seu programa de Formación Cidadá para este ano 2015. Trátase de seis ciclos formativos de ata 20 horas de duración, totalmente gratuítos, centrados na informática e o uso das novas tecnoloxías. O prazo de inscrición xa está aberto e terminará cinco días antes do inicio de cada curso.
En primeiro lugar atópase o curso de Mecanografía para nenos e adultos dirixido a persoas que desexen ter o seu primeiro contacto coa utilización de equipos informáticos e queiran aprender a escribir correctamente. No caso dos pequenos faranse dous grupos, de 6 a 9 anos e de 10 a 13 anos, para axustar os contidos do ciclo á idade dos pequenos. Neste caso o curso comporase de 12 horas lectivas, mentres que no caso dos adultos será de 20 horas.
A continuación atópase o curso de Iniciación á Informática e a Internet orientado para adultos e nenos que queiran coñecer o funcionamento de Internet e aprender a utilizar as ferramentas máis comúns como o correo electrónico e os buscadores. Do mesmo xeito que o grupo anterior comporanse dous grupos de nenos e nenas segundo a súa idade e un de adultos. O ciclo terá unha duración de 12 horas para os nenos e 20 para os adultos.
Xa só para adultos ofrécense outro catro cursos: Redes Sociais (Facebook e Twitter), Presentación con Impress e Creación de Blogs con Blogger de 16 horas de duración e un de Ofimática Básica de Adultos de 20 horas de carga lectiva.
Os cursos iranse realizando a medida que se vaian formando os grupos para cada un deles, requirindo un mínimo de oito persoas por grupo. Todas as clases impartiranse na aula de Informática da Biblioteca Pública Municipal. A inscrición pode formalizarse nas oficinas da AEDL na Casa do Concello ou na Biblioteca Municipal de Pazos de Borbén, no Centro Antena.