Paulo Martinho trae o seu espectáculo de motor único no mundo á feira Abanca Semana Verde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A 38ª FEIRA INTERNACIONAL ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA, a cal se celebrará do 11 ao 14 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará nesta edición cun novidoso e interesante programa de actividades do mundo do motor.

Un dos seus principais atractivos serán os espectáculos que realizará na feira Paulo Martinho, o pioneiro do freestyle no mundo do motor en Portugal, que conta cun show único a nivel internacional polo tipo de acrobacias que realiza e tamén por ser o único piloto que manexa el só todos os vehículos que interveñen na demostración.

Durante a feira Paulo Martinho realizará catro asombrosas exhibicións, que terán lugar o sábado e o domingo en horarios de 13h a 14h e de 18h a 19h. Nas que realizará ao mediodía intervirán catro motos coas que levará a cabo acrobacias como invertidos (apoio nas rodas dianteiras) ou queimaduras de roda, sendo as motos dúas Honda CBR 900 de 150 cv, unha AJP 200 e unha moto 4 Yamaha Banshee 350.

Xa pola tarde a estas demostracións sumaranse as que realizará con dous coches, un Smart Roadster equipado co motor dunha moto co cal realizará trompospara a continuación saír do vehículo e que este quede xirando sobre sí mesmo, e un Mini Couper V6 co que fará invertidos e tamén unha das acrobacias máis arriscadas para el, que o converte no máis rápido do mundo en levar a cabo dous trompos por segundo. 

Atractivo programa de motor

Ademais destas magníficas exhibicións, o programa da feira incluirá unha exhibición de karting por parte do silledense de 4 anos Christian Costoya Sanabria, o cal xa foi subcampión da competición K.I.B Braga no ano 2014 na categoría Sub-8 e compite este ano no Campionato Galego de Karting, estando nestes momentos no segundo posto da súa Copa Máis Karting e destacando por ser o corredor máis novo en gañar unha carreira desta Copa. Christian comezou a dar as súas primeiras voltas co kart con 2 anos e medio e foi o neno máis xoven en ter licenza galega (federouse en agosto de 2014, con 4  anos, e comezou entón a competir en carreiras oficiais, cando a idade normal soen ser os 7 anos).

Por outra banda, ademais dun circuíto de karts e outras propostas lúdicas, terán lugar exhibicións realizadas con prototipos de 4×4 consistentes no paso de obstáculos, e o domingo dúas competicións de coches 4×4 nas cales deberán percorrer un circuíto con desniveis e curvas.

7 de xuño de 2015 | 14:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.