Os Encontros de Negocio de Salimat Abanca acolleron 1.100 reunións entre expositores e 28 compradores alimentarios de 14 países

Encontros de compradores
O 19º Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA 2015, o cal se celebra dende onte e ata o domingo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, acolleu 1.100 reunións de negocio nos seus Encontros Nacionais e Internacionais de Compradores. Estas reunións tiveron lugar entre 70 das empresas que expoñen os seus produtos no certame e 28 importadores, distribuidores e restauradores de EE.UU, México Brasil, Colombia, Panamá, Xapón, China, Rusia, Marrocos, Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia e España. Estas cifras supuxeron o dobre que na pasada edición tanto en número de compradores como en países de procedencia, xa que na pasada edición foran 14 de 7 países.
No seu marco as empresas participantes puideron amosar directamente as súas propostas a este importante número de compradores, o cal supuxo para eles unha magnífica oportunidade de negocio para abrir novos mercados tanto a nivel internacional como en España.
Nestas reunións de negocio de SALIMAT 2015 destacou a coidada selección de compradores que realizou a organización do salón para garantir o interese dos mesmos na oferta alimentaria presente, e tamén a elaboración que fixo das súas axendas cos expositores, a cal non se orientou a que tiveran un gran número de encontros senón a que as reunións mantidas fosen realmente efectivas para ambas partes.
Nestes Encontros de Compradores, que contan co financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), participaron en torno a 200 persoas, entre representantes dos compradores, expositores e persoal da organización.
Gran interese por parte dos compradores
Os compradores participantes destacaron moi positivamente as reunións mantidas durante este dous días nos Encontros de SALIMAT ABANCA 2015, afirmando de forma xeralizada o seu interese por varias das propostas que coñeceron para incorporalas á súa carteira de produtos.











