Os encontros de compradores de Salimat Abanca arrancaron con intenso ritmo de traballo

Encontros de compradores en Salimat Abanca
As reunións de negocio dos Encontros Internacionais e Nacionais de Compradores do salón de alimentación SALIMAT ABANCA 2015, o cal se celebra ata o domingo do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, arrancaron esta mañá cun intenso ritmo de traballo.
Os Encontros, que están a permitir aos expositores da feira mostrar os seus produtos directamente a compradores alimentarios nacionais e internacionais, estendéronse esta mañá dende as 10.00 horas ata as 13.45 horas. Continúan esta tarde e tamén mañá ata o mediodía.
No seu marco participarán ao longo dos dous días en torno a 200 persoas, entre representantes dos compradores, expositores e persoal da organización. Por parte da demanda concorren representantes de 21 importadores de EE.UU, México Brasil, Colombia, Panamá, Xapón, China, Rusia, Marrocos, Alemaña, Reino Unido, Francia e Italia, e tamén de 2 distribuidores de España e de 5 empresas hostaleiras galegas. Os asistentes son principalmente propietarios e directores xerais e de marketing.
Os Encontros de Compradores de SALIMAT ABANCA 2015, que contan co financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), ofrecen ás empresas presentes no certame a posibilidade de abrir mercado a través de reunións axendadas con anterioridade en función dos intereses de ambas partes. E co valor engadido da coidada selección de compradores que realizou a organización do salón para garantir o seu interese na oferta alimentaria presente.
Participación en degustacións
Os compradores presentes neste Encontros participaron tamén esta mañá a partir das 13.45 horas nunha degustación dirixida a eles, consistente en polbo de lonxa con aceite de oliva galego, organizada por Pulponor e Aceites Abril. Xa esta tarde participarán noutra centrada en carne de raza rubia galega, de man de Carnicería Cuíña.











