Os alumnos do taller de pintura “2nn d´arte” expoñen no centro cultural do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Inauguración da exposición

Inauguración da exposición

O alcalde do Porriño, Nelson Santos e a concelleira de Cultura, Teresa Veloso, acudiron onte á tarde á inauguración da mostra de pintura dos alumnos do taller impartido por 2NN D´ARTE, formado polos artistas locais Nito Pereiro e Nuria Vilanova. “É unha honra para O Porriño contar con xente nova como vós, interesados pola arte e a cultura, que valoredes desde nenos estas cuestións que axudan e complementan a vosa formación”, subliñou o rexedor á vez que os animaba a “continuar participando de actividades como esta das que poderedes sacar gran proveito nun futuro”.

A exposición, que se compón de 41 pezas permanecerá aberta ao público ata o vindeiro xoves día 11 de xuño, no espazo de exposicións da planta baixa do Centro Cultural Municipal, para que veciños e visitantes poidan contemplar a arte e o talento destes novos artistas.
Os alumnos do taller, que se desenvolve semanalmente nunha das aulas do Multicentro de Torneiros, acudiron, xunto a algúns dos seus familiares e amigos, á inauguración da mostra enmarcada na programación cultural organizada pola Concellaría de Cultura do Concello do Porriño. Trátase dun grupo de nenos e nenas de entre 6 e 17 anos de idade, que expón o resultado final do traballo realizado durante o curso 2014/2015: óleo sobre lenzo, cunha ampla gama de cor, a maioría deles interpretacións persoais de obras xa existentes e outro orixinais froito da súa imaxinación, como é o caso de Paula, unha alumna de trece anos que plasmou sobre o lenzo a súa visión persoal do Teide.

Nito Pereiro e Nuria Vilanova, ambos os pintores profesionais e veciños do Porriño, dirixen, ademais deste taller para nenos, outro dirixido a adultos, cuxas obras poderemos contemplar a partir do próximo xoves 11 de xuño, no mesmo emprazamento. 

3 de xuño de 2015 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.