O turismo de Riveira promociónase en Viana do Castelo na feira Expocidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Riveira promociona os seus recursos turísticos dende hoxe venres 19 e ata o domingo 21 na Feira Expocidades, que se desenvolve en Viana do Castelo (Portugal). Unha ampla representación das cidades galegas e portuguesas integradas no Eixo Atlántico, entre as que se sitúa Riveira, mostrarán o potencial do turismo de proximidade nesta terceira edición.

31 cidades, 2 deputacións e 29 postos ocupan unha feira que mostrará as posibilidades turísticas das cidades participantes, unha oferta enfocada ao turismo de proximidade dada a proximidade que existe entre as urbes galegas e portuguesas e a variedade de ofertas turísticas ao visitante.

Expocidades será o maior escaparate do potencial turístico das cidades que integran o Eixo Atlántico. Creada hai máis de 23 anos, a entidade transfronteiriza é unha das principais referencias do que acontece na Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, que agrupa ás 38 principais cidades e entidades de Galicia e do Norte de Portugal, metade galegas e metade portuguesas.

A exposición está situada en pleno centro da cidade, no Centro Cultural de Viana do Castelo, obra do arquitecto Soto Moura, premio Pritzker (equivalente ao Nobel de arquitectura). 

Paralelamente ao desenvolvemento da feira terán lugar outras actividades de degustacións de produtos típicos das cidades (doces, pan, viños, conservas…), actuacións musicais e teatrais, a exposición de aves do zoolóxico de Maia durante unha das xornadas, proxección de vídeos documentais das cidades e encontros turísticos entre profesionais do sector.

Nesta terceira edición, despois de pasar por Lugo e Pontevedra, que recibiu máis de 10.000 visitantes en tres días, o deseño da feira tamén se axustará aos estándares de sostibilidade tanto no emprego de materiais reutilizables coma na separación dos residuos, entre outros. A entrada será gratuíta.

19 de xuño de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.