publicidade hoxe

O Porriño felicitan ao Balonmán Porriño Galserco polo seu ascenso a primeira nacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Balonmán Porriño no balcón do consistorio

Balonmán Porriño no balcón do consistorio

O alcalde do Porriño, Nelson Santos, e o concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, quixeron felicitar persoalmente ao equipo masculino de balonmán Porriño Galserco polo seu recente ascenso a Primeira División Nacional.  Para iso, os xogadores e o corpo técnico, acompañados polo presidente do Balonmán Porriño, Fernándo Godoy, o tesoureiro e directivo do club, Manuel Pereira,  e por varios membros da directiva, foron recibidos na alcaldía.

Durante o encontro, os xogadores compartiron co rexedor e o concelleiro o intenso fin de semana que viviron o pasado 15 de maio durante a fase de ascenso en Irún, onde o equipo se xogaba conseguir o seu soño de volver competir en Primeira Nacional, tras dous anos xogando nunha categoría inferior. “Un novo logro para o balonmán galego e un orgullo para o balonmán porriñés, que volve dar sobradas mostras da súa calidade competitiva e deportiva”, explicou Nelson Santos, que aproveitou para trasladarlles “o meu máis sincero parabén polo logro conseguido. Unha vez máis, demostrastes que sodes un equipo con maiúsculas cunha directiva á altura. O balonmán porriñés goza dun nome e un recoñecemento a nivel nacional grazas ao voso traballo, e como alcalde, tedes a miña admiración e o meu apoio absoluto para que poidades seguir cultivando éxitos para todos os porriñeses”.

Pola súa banda, o presidente do Balonmán Porriño agradeceu ao rexedor o seu respaldo “ao balonmán en concreto e ao deporte en xeral, é de agradecer que a administración máis próxima sempre estea disposta a botar unha man, sempre nos sentimos apoiados polo noso Concello, un concello que entende o deporte.” Godoy concluíu felicitando novamente a todos os xogadores “O da pasada semana é un logro importante e merecido. Grazas a Miguel, e a todos os adestradores do Balonmán Porriño polo traballo ben realizado”.

O concelleiro de deportes, M. Alejandro Lorenzo uniuse á felicitación “Parabén e grazas polo traballo que vides realizando, non só no terreo de xogo senón no voso incansable traballo polas categorías base. Se un pode estar orgulloso de ser concelleiro de deportes é por coñecer a afeccións, directivas e deportistas, como os do balonmán Porriño.”

Finalmente, como marca a tradición, o equipo ao completo saíu ao balcón da Casa Consistorial a compartir o seu momento cos numerosos transeúntes que pasaban nese momento pola praza e que, non dubidaron un momento en unirse á celebración e apoiar a este equipo de primeira cos seus aplausos. 

2 de xuño de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.