O Porriño celebra o XVII Trofeo de Baile Deportivo este domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesO Porriño
A-
A+
Presentación do Trofeo de Baile Deportivo

Presentación do Trofeo de Baile Deportivo

100 parellas,  procedentes principalmente de Galicia e Portugal, daranse cita no Porriño este fin de semana para participar no  XVII Trofeo Concello do Porriño de Baile Deportivo que se celebrará o domingo 14 de xuño no Polideportivo Municipal.

O alcalde do Porriño, Nelson Santos,  o concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, e o Director técnico do Club de Baile deportivo Pasos-Bailegalicia e organizador da proba, Miguel Abreu,  presentaron esta mañá o evento na Casa Consistorial.

Esta competición, organizada polo Club de Baile Deportivo Pasos – Bailegalicia en colaboración coa concellaría de Deportes do Concello do Porriño é unha proba puntuable para o Ranking Nacional da FEBD (Federación Española de Baile Deportivo) nas modalidades Standard e Latinos.

O rexedor, mostrouse moi orgulloso de que O Porriño acolla novamente unha competición deportiva como esta “que cada ano atrae a numerosos bailaríns e afeccionados de toda Galicia e tamén do país veciño, un evento que está á altura da gran afección da que goza esta modalidade deportiva na nosa localidade”.

Pola súa banda, Abreu quixo subliñou “a alta participación que sempre ten esta proba tanto en número de parellas como en nivel, xa que en Galicia contamos cun alto nivel en baile deportivo” e quixo destacar “a participación de 30 parellas de nenos e nenas da Escola Municipal de Baile Deportivo do Concello do Porriño, na que o Club Pasos-Galicia forma bailaríns desde fai máis dunha década”.

O Baile Deportivo, recoñecido como modalidade deportiva polo CSD e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, ofrece un espectáculo de gran vistosidade para o público. Este deporte está a sufrir unha importante evolución nos últimos anos, converténdose nunha modalidade candidata a estar presente nos Xogos Olímpicos nun futuro. Actualmente, é unha disciplina que participa nos World Games, sendo o deporte que atrae máis público e ás competicións e que goza dunha maior audiencia nas súas retransmisións televisivas.

Todas as modalidades de baile deportivo nunha soa xornada 

O evento arrincará as 12:30 horas prolongándose ata as 20:00 horas. A competición dividirase en dous bloques (Standard e Latinos) e tamén en categorías de nivel que van desde a categoría H, G e F (categorías de iniciación), seguidas de 1ª e 2ª Territorial C, B, A Nacional e A Internacional, puntuando por resultados obtidos e subindo de categoría.

Ademais as parellas separaranse por grupos de idade (Benxamín, Xuvenil, Junior, Youth, Adulto e Senior). O custo da entrada será de 6 euros, excepto para maiores de 65 anos nese caso será 4 euros. A entrada é gratuíta para menores de 12 anos.

12 de xuño de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.