publicidade hoxe

O Corpus Christi inunda de pétalos as rúas do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Alfombras florais

Alfombras florais

Tras semanas de traballo e preparación, as rúas do Porriño amencían hoxe alagadas de arte e cor para celebrar ao grande un día de gran tradición na vila, o Corpus Christi.  Ao redor das 12:45, tras a celebración do oficio relixioso, unha comitiva encabezada por un grupo de nenos que hoxe recibiron a súa Primeira Comuñón, abríase paso entre pétalos ata a praza Arquitecto Antonio Palacios onde, como cada ano, alzábase o altar ao pé dun rechamante tapiz floral que cubría a totalidade da praza.

Foron moitos os veciños que se implicaron na elaboración e deseño das catro alfombras florais que adornaban o percorrido. Durante semanas prepararon o material necesario para que as rúas hoxe lucisen á perfección: pétalos, pasta, serrín de cores ou pousos de café foron algúns dos materiais con que elaboraron tan vistosos tapices. Con todo preparado e listo, ao redor das 22:00 horas de onte nenos e maiores comezaron a dar forma a estas obras de arte, traballo que se alargou ata altas horas da madrugada, cando tras unha bonita noite de traballo en equipo, todo quedou preparado para recibir esta mañá ao Corpus Christi porriñés.

7 de xuño de 2015 | 14:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.