O conselleiro de Educación gaba o labor de ‘Amicos’ en prol da inclusión do alumnado con necesidades específicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, participou hoxe no acto de entrega da certificación de calidade AENOR á Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia “Amicos”, un acto co que se recoñece o labor desta entidade en prol da inclusión destas persoas.

O conselleiro salientou o importante traballo que desenvolve Amicos no eido educativo, a favor da escolarización inclusiva do alumnado con este tipo de discapacidades. Neste sentido lembrou que se acaba de aprobar a sinatura dun convenio a través do cal a Consellería achegará máis de 66.000 euros a esta entidade para apoiar o servizo de transporte escolar adaptado que prestará o vindeiro curso a 18 alumnas e alumnos.

Ao abeiro deste acordo, cóbrense – en vehículos adaptados- os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar. Igualmente, o servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan. Ademais, préstanse os pertinentes servizos especializados de acompañamento e atención ao alumnado trasladado.

Neste sentido o conselleiro sinalou que a colaboración do seu departamento con Amicos, así como con outras entidades especializadas neste eido, encádrase no compromiso da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require una atención específica e preferente.

Ademais do conselleiro, participaron neste acto o director de AENOR Galicia, Martín Pita López, o alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, e mais as familias das persoas atendidas pola asociación.

Educación e servizo asistencial

Amicos é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fin estatutario a defensa dos intereses das persoas discapacitadas, co fin de acadar a máxima atención social á problemática que presentan, así como a súa propia recuperación, rehabilitación e integración na sociedade. Non en balde, no 2014 acadou a inserción laboral de máis de 50 persoas.

A asociación atende a diario máis de 100 persoas a través das instalacións que xestiona na bisbarra do Barbanza, que desenvolven funcións de centro de educación especial e unidade de atención temperá, centro de día, residencial, ocupacional e unidade de formación pre-laboral. Así mesmo, dispoñen dun Bio Centro de cultivo ecolóxico, viveiros e xardinería, dun Eco viveiro e dun piso tutelado no que promoven e facilitan a autonomía das persoas con este tipo de discapacidade.

30 de xuño de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.