Novidades nas máis de vinte actividades protagonizadas por cans nas feiras Semana Verde de Galicia e Fecap 2015
A 38º Feira Internacional Semana Verde de Galicia e a II Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap 2015, que se celebrarán de forma paralela na Feira Internacional de Galicia entre o 11 e o 14 de xuño, contarán cunha completa programación de actividades. Dentro dela incluiranse máis de vinte atractivas propostas que terán como protagonistas os cans, entre as que haberá numerosos novidades. Así, no marco da Semana Verde de Galicia levaranse a cabo por primeira vez exhibicións de Maintrailing, un sistema de busca de persoas por referencia de olor que empregan corpos de policía como o de EE.UU ou Alemaña, e tamén de IPO, unha proba que inclúe tres disciplinas como son rastro, obediencia e defensa.
Tamén novidosa será a demostración de pastoreo de ovellas de pura raza galega con cans da raza border collie, organizada por Boaga, a I Copa Galicia de Agility, de man da Federación Galega de Caza, e diversas xornadas técnicas centradas nos cans. En canto a estas últimas, unha delas centraranse en alimentación canina, a cargo do veterinario Jesús Muñoz, e outra en reprodución canina, impartida por Ana Paola Díaz, membro do Grupo de Estudio en Reproducción y Pediatría de Animales de Compañía (Gerpac).
Ademais destas novidades, tamén se levarán a cabo outras propostas que acadaron gran éxito en distintas edición da Semana Verde, como unha proba puntuable para a liga autonómica de agility, exhibicións de perruquería canina, demostracións de cans detectores de sustancias e tamén o XII Concurso Nacional Canino da Semana Verde de Galicia, unha proba de beleza con gran atractivo para o público organizada pola Sociedade Canina Galega.
Can de Palleiro
A raza can de palleiro contará cun programa de actividades específico que incluirá unha exposición comercial, exhibicións de agility e de adestramento con busca e localización de persoas e tamén entregas de premios, tanto do Concurso de Fotografía Can de Palleiro como do “Palleiro de Honra”, que nesta edición se concede a Miguel Conde, da axencia de publicidade BAP Conde.
Como novidade, aínda que non terá aos cans como protagonistas, actuará “Can de Palleiro”, un grupo de música folk que está composto por cinco integrantes que publicará proximamente o seu primeiro CD.
Feira de Caza, Pesca e Natureza
En canto á II Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap 2015, que terá lugar de forma paralela á Semana Verde de Galicia, contará con interesantes novidades entre as súas actividades centradas nos cans de caza, como unha exhibición de cans de rastro modalidade xabaril e outra de cans de parada. Ademais, polo seu éxito repetirán, entre outras propostas, a Feira de Cans de Caza (será a súa segunda edición) e os cursos de formación de xuíces na modalidade de cans de parada e San Huberto e na de rastro. Todas elas conducidas tamén pola Federación Galega de Caza.
Un curso de manexo de colares radiolocalizadores, organizado por Remanso, completará as actividades protagonizadas por cans neste monográfico, as cales se sumarán ao amplo programa de actividades de Fecap 2015, o cal tamén incluirá moitas outras propostas relacionadas coa caza, tiro con arco, pesca ou cetrería.











