Novas exposicións no Museo do Gravado de Artes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A partir do próximo 19 de Xuño o Museo do Gravado de Artes abre as súas portas ao publico para mostrar dúas novas exposicións procedentes dos fondos da propia Fundación. Na sala 1 acolleremos a mostra “De Flaxman a Picasso”, centrándonos nos gravados da Ilíada de John Flaxman e en máis dunha ducia de bosquexos realizados por Pablo Picasso para a súa obra máis popular, o Guernica. A través destas dúas grandes Historias podemos coñecer moito mellor as obras de ambos os autores, pois “a maior obra dun Pintor non é facer unha figura colosal, senón un cadro de historia; pois para isto requírese moito máis enxeño que para o outro” (León B. Alberti, De Pictura).

Na sala 2 exponse dentro do ciclo “Homenaxe a Gravadores Galegos” a obra gráfica de Leopoldo Nóvoa, gran gravador falecido fai 3 anos e de recoñecido talento a nivel nacional e internacional. Nas súas obras, de estilo único e persoal pero con referencias ao expresionismo abstracto e o informalismo, alude a paisaxes dos seus recordos en Galicia sen recrear escenarios nin anécdotas. Natural de Pontevedra, viviu gran parte da súa vida fóra das nosas fronteiras debido primeiro, á profesión de embaixador do seu pai (de nacionalidade uruguaia) e segundo, ás circunstancias políticas do noso país. De volta á democracia o artista instala o seu taller en Armenteira e no ano 1993 a Xunta de Galicia concédelle a medalla Castelao. Na súa longa traxectoria artística interveu en exposicións celebradas en distintos países do mundo como Bruxelas, Nova York, Buenos Aires, Dublín, Paris, Madrid e Vigo, onde a súa obra é moi coñecida e apreciada.

Tamén lembramos que na sala 0 e ata finais de mes, aínda poden gozar da exposición “Defensa Ubicua” de Paola García. Que dará paso no mes de Xullo á exposición dos gravados seleccionados en VINA edición do Premio Atlante. O fallo, que terá lugar o vindeiro sábado día 20, contará cun reputado xurado composto polos artistas Manuel Ayaso e Alfonso Costa, apoiados por Daniel Buján e os profesores Juan M. Montero Monterroso e José M. López Vázquez.

17 de xuño de 2015 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.