Medio Ambiente porá en marcha actividades gratuítas de educación ambiental na Feira de Caza, Pesca e Natureza de Silleda
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pon en marcha unha serie de actividades de educación ambiental durante os días 11, 12, 13 e 14 de xuño dentro do recinto feiral de Silleda con motivo da Feira de Caza, Pesca e Natureza. Esta feira conta por segundo ano consecutivo coa colaboración da Fundación Semana Verde.
Serán máis de douscentos escolares pertencentes aos concellos de Bandeira, Silleda e Lalín os que participarán destas actividades gratuítas, organizadas pola Dirección Xeral de Conservación. Nelas executaranse talleres que fomenten, transmitan e promovan os espazos protexidos de Galicia e as especies que a habitan. Un dos principais obxectivos que se busca é lograr a concienciación e a sensibilidade co medio ambiente para o coidado e a conservación da natureza.
Nesta feira poderán atoparse talleres destacables como a impresión en tela de follas de árbores autóctonas, ilustracións collage de especeis ameazadas, exposicións das Aves de Galicia e Reserva da Biosfera de Galicia, cursos de manexo de colares radio localizadores, exhibicións de tiro con arco, aulas de traballo manuais de cetrería, prácticas participativas de voo con aves de cetrería, iniciación á pesca para nenos ou montaxe de cañas.
Entre os actos que se levarán a cabo os vindeiros días destacan tamén as actividades específicas para os membros da Asociación de Discapacitados Físicos e Psíquicos de Silleda (Asodifisi) o venres, ou a entrega de premios do concurso “se eu fose presidente…” o domingo.
O lago da Feira Internacional de Galicia
O lago da Feira Internacional de Galicia estreará unha nova etapa nesta II Feira de Caza, Pesca e Natureza. A partir do comezo deste certame, o lago acollerá durante todo o ano actividades como terapias para colectivos da terceira idade ou persoas con discapacidades psíquicas e adestramentos para concursos e campionatos.
Cómpre recordar que esta lagoa recibiu melloras da man da Dirección Xeral da Conservación da Natureza que consistiron na colocación de valados, no acondicionamento da carballeira, na recuperación da súa zona perimetral ou na solta de peixes para que todos os afeccionados poidan practicar a pesca sen morte.











