Martín Carreira e Camila Alonso gañan o III Tríatlon Concello do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesO Porriño
A-
A+
Homenaxe a Diego Salgueiriño

Homenaxe a Diego Salgueiriño

Martín Carreira Costas (Club Natación Riveira) e Camila Alonso Aradas  (Tríatlon Ferrol) proclamáronse hoxe campións do III Triatlon Concello do Poriño, que volveu unir as localidades de Porriño e Tui.

As altas temperaturas vividas a xornada de hoxe, non impediron que os máis de 300 participantes na proba tomasen a saída no río Miño para completar os tres tramos que os levarían á meta, situada na praza Arquitecto Antonio Palacios, onde eran recibidos polos numerosos afeccionados que alí se deron cita entre aplausos e palabras de alento.

Na categoría feminina, Camila Alonso (1:11:18) proclamouse campioa absoluta dominando amplamente cada un dos segmentos conseguindo así cruzar a liña de meta con máis de dous minutos de diferenza coa segunda clasificada, a atleta do A.D. Fogar, Rebeca Carnota (1:13:41). O bronce en mulleres foi para o equipo local, grazas á tomiñesa Iria Rodríguez (1:14:06).

A proba masculina estivo máis rifada. Os atletas completárona nun tempo record cruzando a meta o primeiro deles nunha hora. O atleta pontareano membro do Club de Natación Riveira, Martín Carreira Costas (1:00:37)  fíxose co ouro, seguido de Francisco Cendán (1:01:45) dos Talleres David Tríatlon Compos. O terceiro posto ocupouno Raúl García (1:02:03) , do Arcade Inforhouse Santiago.

O resto dos gañadores  nas diferentes categorías foron:

Cadete: Rebeca Carnota (A.D. Fogar) e Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol)
Junior: Martín Carreira (Club Natación Riveira)
Veteranos: Verónica Mon (Axa Axencia Garriga –  Beariz Tríatlon) e Jesús Anxo Rodríguez (Club Tríatlon Mar de Vigo)

Unha xornada que transcorreu sen incidentes que lamentar e que finalizou cun emotivo acto en homenaxe ao atleta do Porriño recentemente falecido, Diego Salgueiriño. Unha persoa que deixou pegada no deporte porriñés e nos corazóns dos porriñeses que hoxe quixeron lembralo e render unha  sentida homenaxe nun día que, sen dúbida, é importante para Diego.   

6 de xuño de 2015 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.