Jaime Barrallo imparte un curso de supervivencia en Riveira

Presentación do curso de supervivencia
O prestixioso experto Jaime Barrallo vai impartir a partir de hoxe e ata este domingo un curso de supervivencia no municipio de Riveira. Organizado por Natural Outdoor Experience, coa colaboración de Arousa Natureza e Ocio e o Concello de Riveira, entre outros, a acción formativa foi presentada hoxe nun acto no que estiveron presentes o propio aventureiro, Álex Vidal, Eduardo Iglesias e a edil Dolores Elorduy.
Un total de 16 persoas inscribíronse neste curso que terá o Centro de Interpretación de San Roque como escenario dos aspectos teóricos, en tanto que a parte práctica espallarase por distintas localizacións, como San Alberte, Sirves, Xenxides ou Axeitos.
Os asistentes terán a oportunidade de aprender interesantes coñecementos adaptados ás características do noso medio natural, como por exemplo facer un vivac, utilización de plantas ou escalada.
Jaime Barrallo quixo desmitificar a idea que en torno á supervivencia está máis estendida, á que describiu como “realitys con guión que tienen muy poco que ver con la realidad”.
Jaime Barrallo é o director da Escola de Supervivencia de Madrid e leva 15 anos de guía profesional, con máis de 200 expedicións a puntos de todo o globo terráqueo, como Groenlandia, o Sahara, o Himalaya ou o Alto Orinoco e o río Casiquiare, que descendeu nunha balsa de troncos.
Esta é a primeira vez que fai un curso destas características en Riveira.











