Fundación Semana Verde e Abanca colaborarán no impulso da actividade do recinto feiral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O vicepresidente da Xunta e presidente da Fundación Semana Verde, Alfonso Rueda, e o vicepresidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, presentaron hoxe un acordo de colaboración que servirá para impulsar a actividade do recinto feiral e polo que a entidade financeira se compromete a destinar 450.000 euros ata 2017 -con opción a prórroga-.

O acordo recolle que Abanca, que xa é membro do Padroado da Fundación dende o ano 2010, será o patrocinador oficial da Semana Verde de Galicia e do resto de eventos relacionados co sector agrario que se celebren no recinto de Silleda, como o certame de maquinaria agrícola, gandaría e agricultura Cimag- Grandagro. Estas feiras incorporarán a marca Abanca á súa nomenclatura, ao igual que o recinto feiral e a Central Agropecuaria.

En concreto, o recinto feiral pasará a chamarse “Feira Internacional de Galicia Abanca” e o distintivo do banco terá unha presenza destacada nas instalacións do recinto, como pavillón principal, a sala de poxas ou o auditorio. A cambio, Abanca destinará á Fundación 450.000 euros nos vindeiros tres anos, recollendo o acordo a posibilidade de prorrogar a colaboración en vindeiros anos.

Rueda e Escotet ofreceron hoxe en Silleda os detalles deste acordo de colaboración, nun acto no que tamén estiveron presentes o director xeral da Semana Verde, Ricardo Durán; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Crespo; e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña.

Con esta colaboración, a Semana Verde segue a apostar por novas iniciativas para fortalecer a súa actividade feiral, consolidándose como un referente na organización de eventos. Vincular as grandes empresas co recinto feiral era un dos obxectivos fixados no plan de viabilidade e a Fundación ten previsto seguir a explorar esta liña de traballo, aproveitando o seu bagaxe comercial para reforzarse e garantir a súa continuidade.

Aposta de Abanca polo sector agrogandeiro

Na súa nova etapa, Abanca marcouse como obxectivo reforzar o seu posicionamento líder no sector agrogandeiro galego. O banco acaba de pór en marcha un dispositivo especial para a campaña de axudas da Política Agraria Común (PAC), no que máis de 200 especialistas asesoran e apoian nas zonas rurais a agricultores e gandeiros na tramitación das subvencións. Abanca é a primeira entidade financeira en Galicia en domiciliación e tramitación destas axudas europeas, cunha cota de mercado do 49 por cento.

Abanca ofrece produtos específicos o sector agrogandeiro, adaptados ás necesidades financeiras deste tipo de clientes e con condicións moi vantaxosas respecto ao mercado, como a conta Agrocrédito, o préstamo ou leasing Agrogandeiro, préstamos a tipo cero de anticipo de colleitas ou subvencións, ou unha liña de seguros agrarios.

3 de xuño de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.