Exhibicións caninas, automobilismo, golf e tiro con arco serán algunhas das actividades programadas para as festas de Silleda

Comisión de Festas de Silleda
As actividades deportivas terán un espazo destacado na programación das festas de verán de Silleda, que se celebrarán do 9 ao 12 de xullo. A organización, a Asociación Comisión de Festas de Silleda, pechou xa o cartel de actividades, conformado neste eido por unha decena de convocatorias para tódolos públicos. Citas que inclúen dende campionatos de golf, chapas ou petanca ata un rally de vehículos históricos ou demostracións caninas.
A primeira cita lúdico-deportiva desenvolverase na tarde do venres 10 de xullo. Ás 20.00 horas, integrantes da escola viguesa Al Compás farán unha exhibición de baile de salón nas modalidades de latinos e estándar, coa que se animará o ambiente previo á cita gastronómica da Festa do Lacón e á verbena nocturna.
Baixo o lema ‘Silleda co deporte’, o programa concentra na xornada do sábado 11 de xullo unha gran parte das propostas. Así, a partir das 10.30 horas nas instalación do campo de golf poderá practicarse tiro con arco. Trátase dunha actividade gratuita e aberta á participación do público coa que colaborará o clube de tiro con arco Dezarco. Na mesma ubicación e tamén a esa hora, dará comezo un Campionato de Golf no que poderá competir calquera veciño ou visitante que o desexe. A proba estará coordinada por persoal da asociación Exilieta. Ademáis, disputarse un Campionato de Chapas, Chave e Petanca.
A diversión continuará de xeito paralelo ás 11.00 horas na Praza Benito Rivas, onde un instructor de Zumba impartirá unha sesión para que nenos e adultos poidan practicar esta demandada modalidade deportiva que combina baile e ximnasia e que se desenvolverá en colaboración con Turnativa.
Outro dos atractivos do cartel será a celebración dun Autoeslalom de Automobilismo, detrás do cuartel da Garda Civil . As verificacións dos participantes serán ás 11.00 horas e ás 16.30 horas comezará o espectáculo, organizado coa colaboración da Escudería Lalín-Deza. Pero os amantes do motor e das antigüedades terán ademáis outra cita ás 18.00 horas, momento no que está previsto o paso dun Rally de Regularidade de Vehículos Históricos coordinado pola Escudería Clásicos O Toxo. Procedentes de Lalín, os coches chegarán a Silleda pola estrada de Laro, baixarán pola rotonda xunto á gasolineira, subirán pola rúa Carballeira do Chousiño, seguirán cara a Toiriz e continuarán cara á Escuadro.
A xornada sabatina rematará no eido das propostas deportivas coa entrega de trofeos aos vencedores do autoeslalom no Hostal Casas Novas ás 21.00 horas e, ás 21.30 horas prevese a chegada ao Hotel Via Argentum dos automóbiles participantes no Rally de Vehículos Históricos e a entrega de premios.
O domingo 12 de xullo, as instalación do campo de golf acollerán un espectáculo canino da man do experto adestrador Toni Lanzó. A partir das 17.00 horas, o público poderá presenciar exercizos das modalidades agility, jumping, K.O. e mondioring, especialidade que permitirá a cachorros e adultos demostrar as súas habilidades en obediencia, axilidade e traballo de defensa.
A Asociación Comisión de Festas de Silleda lembra que tódalas actividades deportivas son gratuitas e abertas á participación de público de tódalas idades.
PÁDEL E TENIS
Previo aos días centrais das festas, a Asociación Comisión de Festas de Silleda programou tamén para o sábado 4 e domingo 5 de xullo o 1º Maratón Open de Pádel e o 1º Maratón de Tenis. Este último disputarase nas pistas municipais, mentras que os partidos de pádel celebraranse na Nave Multiusos Polígono Industrial Área 33, situada no parque empresarial da capital trasdezá.O edificio conta cunhas modernas pistas e tódolos servizos necesarios para a cómoda práctica desta e outras disciplinas deportivas.
O prazo de inscripción para ambas competicións abrirase, previsiblemente, na próxima semana. Haberá trofeos para os mellores xogadores, que se entregarán ao final das probas.
A falta de máis dun mes para a celebración dos festexos, os seus promotores continúan perfilando os detalles do extenso programa de cara a incorporar aínda máis actividades para incrementar o atractivo das festas e atender ás preferencias e demandas dos veciños.











