Equina 2015 reúne en Silleda a 241 exemplares de pura raza española e árabe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSilleda
A-
A+

cartel-equinaO evento ecuestre Equina 2015, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) e a Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA),  reunirá a partir de mañá pola tarde e ata o domingo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA a 241 exemplares equinos de pura raza española e pura raza árabe nos distintos concursos e actividades que se desenvolverán no seu marco.

Así, aos dous concursos centrais deste evento concorrerán 174 cabalos, dos cales 130 farano ao Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia – ANCCE, unhas cifras que superan as previsión e que o converten no concurso de pura raza española clasificatorio para a final do Campionato de España (que se celebrará no marco do salón SICAB do 17 ao 22 de novembro) de maior participación do norte de España. Os restantes 44 competirán no III Concurso A.E.C.C.A de Galicia, de cabalos árabes e categoría nacional.

Respecto á competición de pura raza española, participan o 80% dos criadores de pura raza española rexistrados en Galicia e tamén gandeiros de Asturias, Salamanca, Valladolid, León, Ávila, Toledo, Madrid e Barcelona. O concurso, no que se inclúen distintas seccións de poldros, poldras, eguas e cabalos, comezará mañá pola tarde para continuar durante o sábado e rematar o domingo ao mediodía. 

En canto á proba de pura raza árabe, os 44 cabalos participantes proceden das catro provincias galegas, sendo 20 de Pontevedra, 10 de Ourense, 9 de A Coruña e 5 de Lugo. A distintas clases do concurso desenvolveranse o sábado, para o domingo pola mañá levarse a cabo os campionatos de poldros, poldras, eguas e sementais. Esta edición inclúe como novidade a Clase Futurity, o cal significa que ademais destas categorías, tamén sairán a pista para ser xulgados poldros que aínda están coas súas nais, permitindo aos propietarios mostrar xa o futuro da súa gandería.

Outros concurso e actividades ecuestres

Ademais destes dous concursos, Equina 2015 acollerá unha proba clasificatoria para a Copa ANCCE de doma clásica, cuxa final nacional tamén se celebrará en SICAB, e a 13ª Copa ACCEGA de Clubes Galegos, tamén de doma clásica. No marco de ambas competicións participarán 44 cabalos.

Así mesmo, o programa incluirá un carrusel ecuestre con cabalos de pura raza española e bautismo hípico para nenos, actividades nas que participarán 23 exemplares. A elo sumarase a mesa redonda “O sector gandeiro equino e a súa situación actual dentro de España”, conducida por Miguel Ángel Martínez Tebar, xuíz nacional ANCCE e técnico da Real Federación Española de Hípica.

O plantexamento de Equina 2015 céntrase en dous concursos principais que se complementan con outras competicións e actividades paralelas, polo que a zona expositiva xestionada polos seus organizadores será meramente anecdótica e consistirá unicamente nun pequeno espazo destinado a unhas poucas empresas do ámbito do cabalo, a gastronomía e a artesanía. 

A entrada a este evento e a todas as súas propostas será gratuíta, sendo tamén libre o acceso aos aparcadoiros do recinto habilitados para esta ocasión. 

Ampliación dos días de celebración 

Aínda que Equina 2015 estaba programada para os días 20 e 21 de xuño, a organización tivo que ampliar un día o seu tempo de celebración e adiantar a súa data de comezo á tarde de mañá, día 19, debido á gran participación rexistrada no Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia – ANCCE e tamén á inclusión doutras probas como as copas ANCCE e ACCEGA de doma clásica, o cal impedía por falta de tempo desenvolver todas as probas e seccións de cada unha delas.

18 de xuño de 2015 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.